Fascinada

OURENSE

Hai personaxes políticos que me fascinan, que non deixan de chamar a miña atención con cada movemento que fan. E non para ben. Esa xente sen ningunha outra ideoloxía que non sexa a de «qué hay de lo mío» e todo o demais esváralle coma se levara o corpo untado de vaselina. Esa xente que entende que os seus intereses priman por enriba dos da colectividade —que é o oposto a dicir que un chega á vida pública para traballar polos demais, máxima que creo que hai moitos que si aplican, aínda que son os que adoitan saír escaldados—. Esa xente. En Ourense hai varios exemplos, todos protagonistas de titulares intensos nos últimos tempos que a min me escandalizan, pero eles vese que os levan ben. Sigo alucinando cos audios de Jácome nos que fala abertamente de mordidas, enchufes e falcatruadas varias —que a xustiza dirá se tamén son delito— e vai e arrasa o domingo. Sigo alucinando con que Baltar fora cazado por dous radares indo a todo o que lle daba un coche que non é seu —senón que é de todos— e lle pareza suficiente pedir perdón coa boca pequena cando xa non tiña por onde fuxir —que ten certa brincadeira se pensamos en que todo isto vén por ir a 215 quilómetros por hora—. E sigo alucinando cando á vista de todo o anterior quen foi candidato socialista en San Cibrao —porque caeu alí a moeda, pois nada ten que ver coa localidade— di que está aberto a negociar con Jácome para conseguir a Deputación que sempre quixo. O do interese xeral xa queda para outro día. Teño que recoñecer que, catorce anos despois de chegar, Ourense non deixa de sorprenderme. Non sempre para ben.