Todo chega

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

José Manuel Baltar.
José Manuel Baltar. Santi M. Amil

15 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tardou, pero ao final chegou. Ourense coñecerá unha Deputación sen Baltar. Non foi sen tempo. Renuncia a seguir José Manuel, que herdou o posto do pai (e que previamente se encargou de laminar a todo aquel que puidera facerlle sombra). Marcha despois de dicir que a multa por ir a 215 por hora fora por un despiste (de máis de 150 quilómetros, como demostrou a segunda sanción coñecida) e de nin inmutarse cando saíron uns audios presuntamente do seu irmán pedindo mordidas a cambios de contratos. É o mesmo que non pestanexaba cando repartía os fondos da Deputación de maneira caciquil como se os cartos foran del ou mandaba aviso aos alcaldes que non lle bailaban o auga para deixarlles claro que así nunca verían un can. Foron moitas as feitas dando unha imaxe penosa da provincia, esa que segue mostrando as peores formas da mal chamada vella política. Pero ¿iso a quen lle importa? A el seguro que non. Parecía xa que José Manuel Baltar ía camiño de emular a Manolo Candal, o que foi alcalde de Vilamartín de Valdeorras desde o franquismo, que gravou o seu nome no bastón de mando. Supoño que o fixo porque pensaba que o Concello era seu. Creo que nalgún momento Baltar pensou o mesmo da Deputación, case incluso que da provincia. Pouco máis lle daba ver Ourense esmorecer, que cada ano as cifras digan que somos menos e máis vellos, que os mozos marchan porque non hai proxecto de futuro... El terá un bo acubillo, seguro. Máis nerviosos estarán, supoño, o lote de aduladores que viven desde hai anos do público polo único mérito de estar da man de Baltar. Todo chega. Paciencia.