O presidente da Academia Galega do Audiovisual fixo entrega da acreditación ao alcalde
28 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.As academias do audiovisual da península xuntáronse no OUFF 2023 e acordaron, entre outras cousas, crear os LIC (Lugar de Interese Cinematográfico). No caso de Galicia escolleuse a aldea de Facós, en Lobeira, por ser onde se rodou «O carro e o home», de Antonio Román. O director da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño, entregou a acreditación ao alcalde, Antonio Iglesias.
Como lembrou este xoves Miguel Mariño, a aldea ourensá forma parte dun directorio de espazos cunha especial relevancia para o audiovisual peninsular, ben sexa polo seu valor fílmico, histórico ou simbólico, no que tamén están incluídos o deserto de Tabernas (Almería), Sos del Rey Católico (Zaragoza), Llanes (Asturias), a Colexiata de Sant Vicenç de Cardona (Barcelona), Guadalupe e o Xeoparque de Villuerca-Ibores-Jara (Cáceres) a Tóbis Portuguesa (Lisboa) e L'Albufera (Valencia).
A decisión da AGA estivo motivada no feito de que «este enclave acolleu a rodaxe dunha obra senlleira na historia da cinematografía galega, 'O carro e o home', que naceu da unión de dous talentos: o etnógrafo Xaquín Lorenzo Xocas e o cineasta Antonio Román».