Rafael Otero Janeiro: «O libro sobre a Vera Cruz serve para quen queira coñecer a construción»

x. m. r.

OURENSE

Rafael Otero, á dereita, xunto a Avelino Muleiro na presentación do seu ensaio no Liceo de Ourense
Rafael Otero, á dereita, xunto a Avelino Muleiro na presentación do seu ensaio no Liceo de Ourense Miguel Villar

Editada polo Instituto de Estudios Carballiñeses, a obra aporta novos datos sobre o proxecto de Antonio Palacios

05 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No Liceo presentouse este luns o libro «A Vera Cruz de Antonio Palacios», de Rafael Otero Janeiro (O Carballiño, 1962). A obra foi editada polo Instituto de Estudios Carballiñeses e xunto ao autor participou no acto o presidente da entidade, Avelino Muleiro. Rafael Otero xa fora colaborador necesario —xunto cos seus irmáns Adolfo e Francisco— para facer realidade a obra de referencia sobre a igrexa: «Santuario de la Vera-Cruz de San Cibrán del Carballino, de Antonio Palacios» (Xunta de Galicia, 2004), do que foi autor o seu pai Adolfo Otero Cerdeira. Adolfo Otero Landeiro, avó do autor do libro presentado no Liceo, foi o construtor da Vera Cruz, proxecto no que contou co seu fillo como colaborador.

—O libro dálle continuidade ao traballo do seu pai?

—A iniciativa naceu de xeito casual. Avelino Muleiro está a preparar unha guía sobre a comarca do Carballiño e a min encargoume facer a parte da Vera Cruz. Dada a extensión do traballo considerouse que era mellor publicalo como un pequeno libro, xa que ademais estamos a cumprir o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios.

—Aporta novos datos?

—A obra é unha pequena monografía que recolle algunha parte do libro de meu pai e logo aportacións miñas. Aínda que non a cheguei a ler, levo anos traballando nunha tese de doutoramento sobre a Vera Cruz e no libro incorporo novos datos, fotografías descoñecidas, debuxos inéditos e planos que me mandou un fillo do arquitecto. O libro serve para dar resposta á xente que queira coñecer a construción, porque o de meu pai está esgotado.

—O arquitecto sempre sorprende?

—Si. O traballo fai unha lectura nova e diferente da obra de Palacios. Sempre aparece enmarcado no Rexionalismo e noutros parámetros historicistas, o que é un erro e un tópico. No libro incídese de maneira especial nos aspectos máis modernos da súa obra. Características que son moi importantes e interesantes, e que tamén se dan na igrexa do Carballiño.

—Madrid estalle a render homenaxe ao de Porriño.

—Si, pero coa visión centralista de sempre. Practicamente a obra de Palacios, con excepcións, repártese entre Galicia e Madrid. O 98 % da mostra está dedicada á cidade e logo hai un apartado de «Dibujos de arquitecturas externas a Madrid».

—Haberá nova edición do libro do seu pai?

—Sería o ideal porque é o documento de referencia. Cunha pequena revisión e algunha actualización xa estaría listo para publicar.