«No hospital de Verín non lle fixeron nada ao meu fillo e acabou oito días ingresado no CHUO»
OURENSE
Uns pais de Viana do Bolo contan a angustia vivida co seu pequeno de tres anos nun buzón do lector enviado a La Voz de Galicia
07 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O neno Í.T.G. de Viana do Bolo de 3 anos de idade, sobre as 5 da mañá do domingo 3 de decembro, presenta un ataque de tose e un grito que fai que os pais nos levantemos correndo á súa habitación. O neno estaba co pixama con vómito, non respondía, a boca entreaberta, os ollos pechados pero non pestanexaba e o seu corpo non se movía, polo que acudimos ao centro de saúde de Viana.
Á chegada a persoa que nos recibiu na entrada, moi alarmada, chama á enfermeira e ao médico de garda. Tamén alarmados ante o aspecto do neno, preguntáronnos se tragara algo ou que acontecerá. Explicamos o dito anteriormente.
Comezaron a intentar reanimalo e aspirar secrecións (xa que parecía que a entrada aos pulmóns estaba obstruída por moita mucosidade). Mentres o médico comezou coa RCP avisándonos da posibilidade de fracturar algunha costela, lesións nasal ou bucal, ao que contestamos que seguiran. Pasados uns minutos chegan dúas mozas da ambulancia do 061. Sacáronlle moitas flemas pero o neno non recuperaba.
Mentres tanto dende a recepción avisan á central do 061, solicitando por favor o envío doutra ambulancia e néganse. A moza de recepción avisa aos sanitarios de Viana de que 061 non consideran necesario o envío doutra ambulancia a Viana. O médico aproveita para falar el co 061 insistindo na necesidade imperiosa da ambulancia medicalizada a Viana ou para intercambio no camiño, ante o risco de non recuperar ao neno para poder trasladalo.
Escoitamos unha forte discusión onde o equipo sanitario de Viana, comentan entre eles, a resposta dura e imperativa do 061 negándose ao envío da ambulancia. Contestan ao 061 que nalgunha ocasión fixeron cambio de ambulancia polo camiño.
Pasado bastante tempo, máis de media hora, o neno fixo o primeiro intento de vómito, polo que vemos que as facianas de todos eles, moi angustiadas e tensas, relaxábanse pola melloría do noso fillo, o que nos deu tranquilidade e vimos que está en boas mans.
Pasados uns días a miña mente de nai recorda estes momentos e compara a actuación do equipo sanitario de Viana do Bolo, coa actuación da central do 061 e entristéceme polo pouco apoio que recibiron os sanitarios de Viana.
Seguiron sacando moitas flemas de moco e pouco tempo despois o neno recuperouse e comezou a reaccionar, chorando e abrindo os ollos.
En aproximadamente unha hora, deciden trasladalo urxente en ambulancia ao Hospital de Verín, acudindo todo o equipo sanitario de Viana do Bolo. Á chegada explicóuselle aos médicos e pediatra do hospital o que acontecerá en Viana do Bolo, a resposta do equipo de Verín non foi moi boa, similar á do 061. Segundo a nosa apreciación como pais, daba a sensación de non crer o explicado polo equipo de Viana e critican a súa actuación.
Á chegada de novo do pediatra a media mañá, manda ao neno para casa, entregando informe de alta con cita para RX no Hospital de O Barco de Valdeorras en 15 días.
Como resume, o máis triste é que en Pediatría de Verín non fan máis que:
—Criticar a actuación levada a cabo en Viana do Bolo, máis que profundar no que pasara.
—Non facer probas.
—Non derivar ao neno a un especialista.
—Non ingresalo.
—Só pedir unha radiografía en 15 días noutro hospital.
O luns 4, é dicir, un día despois, o neno seguía tusindo e non se vía que estivera recuperando ben, polo que os pais decidimos acudir ao CHUO, no que o pequeno quedou ingresado ata o martes día 12 de decembro (o cal nos deu tranquilidade).
En Ourense non comprenderon ben porque se lle dera a alta en Verín e non se fixeran máis probas tralo episodio descrito anteriormente ou ingresalo ese día na sección de Pediatría de Ourense. Sen embargo, si que creron o que lles contamos que acontecera en Viana.
Somos uns pais mozos coa suficiente formación para darnos conta cando se actúa con profesionalidade e dedicación (independentemente de que se consigan ou non os obxectivos) como apreciamos no equipo sanitario de Viana e no do CHUO, a diferenza de cando se actúa con desidia e falta de profesionalidade como foi o caso da central do 061 e en Pediatría do Hospital de Verín (non criticamos ao resto dos profesionais do hospital).
Esperemos que se tome nota e recordámoslle ao xerente do Sergas que a comarca de Viana do Bolo tamén existe.