Iago Tabarés repite de número 2 na lista do BNG en Ourense, á que se suman os portavoces de Xunqueira de Ambía e Viana

La Voz OURENSE

OURENSE

Ana Pontón e Noa Presas
Ana Pontón e Noa Presas ALEJANDRO CAMBA

Iago Tabarés, Sonia Vidal, Secundino Fernández e Helena Añel acompáñana nos postos de saída

14 ene 2024 . Actualizado a las 18:04 h.

O BNG aprobou a candidatura ó Parlamento de Galicia por Ourense coa mirada posta nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro que lidera a súa candidata á presidencia, Ana Pontón. A lista ourensá estará encabezada pola actual deputada, Noa Presas, avalada polas asembleas comarcais, e estará acompañada por Iago Tabarés (parlamentario), Sonia Vidal (portavoz do BNG no Concello de Xunqueira de Ambía), Secundino Fernández (exalcalde de Viana do Bolo e voceiro da formación agora na oposición) e Helena Añel (activista sindical no eido educativo) nos postos de saída.

Vidal, Fernández e Añel son novidade nunha lista na que hai catro anos estaban María G. Albert, que deixou a acta no Parlamento para asumir a alcaldía da Rúa de Valdeorras; e Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín. Lourenzo substituíu a Albert cando esta dimitiu, máis xa avanzara a intención de non continuar para centrarse na actividade municipal.

Da candidatura tamén formarán parte Marcos Nogueira Rodríguez, Laura Pérez Bernárdez, Suso Vilasánchez Feijoo, Inmaculada González Gómez, Xurxo Rodríguez Méndez, Xaira Pena Estévez, Ramón Seoane Lacayo, Antía Pousa Pérez e Diego Lourenzo Moura. As suplencias estarán compostas por Noelia Currás Rodríguez, Marcos Paz Alonso, Adela Galego Rodríguez, Marcos Blanco Durán e Roberto Quiroga López.

Noa Presas ve o 18F como «unha oportunidade histórica de ensinarlle ás galegas e galegos que as cousas se poden facer doutra maneira. Que se poden facen mellor». Coñecer os problemas de hoxe, coidar das persoas que quero e que me rodean, sinalar a inxustizas e defender as causas xustas son para a candidata do BNG as súas prioridades na primeira liña da vida política.