A romaría Raigame terá a animación de 23 grupos galegos e portugueses

La Voz OURENSE

OURENSE

Presentación da Romaría Raigame.
Presentación da Romaría Raigame. Alberte Paz

Como novidade para os máis cativos este ano estarán Os Bolechas en Vilanova dos Infantes

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada 17 de maio, Día das Letras Galegas, Vilanova dos Infantes será escenario da celebración da romaría Raigame. Na actividade —organizada pola Deputación ourensá, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, en colaboración co Concello de Celanova— participarán este ano 23 grupos de animación de rúa chegados de toda Galicia e de Portugal.

Así se anunciou onte nun acto de presentación que contou coa presenza, entre outros, do presidente da Deputación. Luís Menor dixo da romaría que é «un dos tesouros etnográficos da nosa provincia» e comprometeuse a «mimar» esta actividade desde o goberno provincial. Un día festivo como o 17 de maio é ideal para a cita, dixo. O alcalde de Celanova, Antonio Puga, subliñou, pola súa parte, que o interese por participar na romaría é crecente. Cada ano hai máis postos que piden instalarse «pero non podemos atender todas as peticións porque o espazo no burgo é o que é», precisou.

Xavier Álvarez, responsable do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, precisou que este ano haberá no interior 58 postos, dos que 41 serán artesáns (con demostracións en vivo), 7 de produtos artesanais de alimentación e 10 tabernas. No exterior do burgo haberá tamén 28 casetas de comida e outras tantas de artesanía. Por outra parte, ademais dos 23 grupos de animación de rúa, haberá monicreques, teatro, maxia, obradoiros e actuacións dos danzantes de Vilanova ou da Coral de Ruada, así como de vinte agrupacións tradicionais.

Como novidade, este ano haberá visitas guiadas pola localidade e, para os máis cativos, está programada a presenza dos Bolechas.