A Biblioteca de Ourense contará con exemplares en braille de «Galiza é un mundo» de Vicente Risco
OURENSE
Os libros foron doados pola fundación adicada ao autor alaricano nunha aposta pola accesibilidade
17 jul 2024 . Actualizado a las 18:25 h.A Fundación Vicente Risco doou varios exemplares en braille da obra Galiza é un mundo á Biblioteca de Ourense. Trátase dunha iniciativa con finalidade integradora, porque atende necesidades de persoas con discapacidade visual, e normalizadora, porque leva ao galego a estar presente en máis lugares. Desde a entidade salientan tamén a importancia de difundir a obra de Risco a todos os públicos. O libro contén citas do autor pertencentes a todas as súas etapas e estará dispoñible nos seguintes días, podéndose resevar dende todas as bibliotecas públicas de Galicia.
«Cremos que hai que ir máis alá das palabras e da boa intención e pasar a acción», afirma Xosé Rodríguez Díaz, secretario da fundación, referíndose a facer contidos que sexan accesibles para todo tipo de persoas, neste caso aquelas con diversidade visual. «Vimos que non tiñamos ningún contido para as persoas con cegueira e decidimos pór algo en marcha», apunta.
A organización escolleu este libro porque conta con cincuenta citas variadas, tanto da etapa etnográfica como da de xornalista, considerando que é unha forma sinxela de achegarse ao autor. A obra é coñecida e xa se traduciu a máis linguas, desde o xaponés até o polaco. Tamén a todas as falas da península. «O afán pola difusión de Risco non é arbitrario, senón que responde a recoller esa idea da Xeración Nós de que a nosa cultura interactúe coas do resto do mundo de maneira directa», explica Rodríguez. Esta é a primeira vez que a fundación se propón traducir unha obra a braille. Forma parte dun plan que están implementando para mellorar a accesibilidade de todas as persoas con discapacidades: visitas guiadas á casa museo de Risco en linguaxe de signos, adaptación das instalacións a persoas de movilidade reducida…
A fundación agradece o labor inmenso que a biblioteca realiza en canto á difusión dos nosos autores. «De feito chámase Biblioteca Nós pola xeración de Vicente Risco», apuntan. O espazo cultural fai unha labor de acollida e programa unha gran cantidade de actividades nas que contan con autores. Rosa Díaz, a directora da biblioteca, coincide na necesidade de contar con este tipo de produto cultural. «O importante é ter unha oferta, a demanda créase cando a xente ve posible acceder a este tipo de contidos. Ademais é interesante que todo o mundo acceda á literatura en igualdade», explica.
A Xunta conta cunha plataforma que comunica as diferentes bibliotecas públicas da comunidade, de xeito que Galiza é un mundo poderá reservarse en braille dende as catro provincias. Solicítase no centro cultural habitual e a rede encárgase do transporte, podendo o solicitante recoller e devolver o libro na súa localidade. Díaz concluiu agradecendo a súa labor á Fundación Vicente Risco e asegurando que que unha institución como esta achege obras en galego neste formato é moi importante: «A biblioteca conta con moi poucos libros en braille, a ONCE fai un labor moi bo neste tipo de áreas pero nós tamén aspiramos a chegar a máis xente». Tanto a fundación como a Nós agradecen á Xunta a axuda para a publicación da obra, sobre todo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.