O OUFF premiará a ambientación de cine nos comercios e na hostalaría

La Voz

OURENSE

Sonia Torre e Luis Rivera
Sonia Torre e Luis Rivera Jorge Martínez. OUFF

O Ourense Film Festival convoca a segunda edición do seu concurso de escaparates

16 sep 2024 . Actualizado a las 19:41 h.

O Ourense Film Festival daralle este ano continuidade ao seu concurso de escaparates e ambientación dirixido aos comercios e á hostalaría da cidade. A segunda edición da convocatoria do OUFF foi presentada este luns pola coordinadora de actividades complementarias do festival, Sonia Torre, e o presidente do Centro Comercial Aberto de Ourense, Luis Rivera.

O obxectivo da iniciativa, que o pasado ano foi todo un éxito segundo a organización do OUFF, é trasladar o espírito do evento e do cinema tanto ao comercio local da cidade como á hostalaría. 

Luis Rivera, presidente do CCA de Ourense, incidiu na importancia de que «comerciantes e sociedade se impliquen en actividades coma esta para reivindicar a nosa cidade como plató cinematográfico». Dende o OUFF Sonia Torre lembrou que a vontade da iniciativa é a de darlle visibilidade ao comercio «e trasladar o cinema á rúa para que tanto os ourensáns como os visitantes se atopen cunha cidade chea de cine, imaxinación e creatividade». 

O prazo para participar no concurso xa está aberto e quen o desexe pode inscribirse no enderezo info@ourensecca.com nos próximos días. Todos os comercios e locais de hostalaría que o fagan recibirán un pase dobre para asistir a gala de inauguración do OUFF. Os premios do concurso serán un fin de semana para dúas persoas nun hotel do grupo Caldaria para o gañador, unha comida con maridaxe -tamén para dúas persoas- no Pazo de Toubes e o terceiro consistirá nun xantar para dúas persoas no mesmo pazo.

Encontros literarios de cinema

O OUFF tamén incluirá na súa edición do 2024 as presentacións de libros vencellados co cine. Nesta terceira convocatoria serán catro as citas que propón o festival. O venres día 20, ás 20.00 horas, Pepe Coira e Carlos Amil presentarán a obra «Las costuras del guión. Textos de cine y vida», de Daniel Domínguez -finado no 2020-. A sesión desenvolverase na libraría Tanco.

O día 23, neste caso en Eixo e a partir das 19.30 horas, o encontro xirará ao redor da obra «El imaginario fantástico de Tim Burton», de la fotógrafa, retocadora e profesorá ourensá Milena Martínez Basalo

Valentín Barreiros estará o día 25 na libraría Khatedra coa súa obra «Os trasnos da lanterna», sobre o movemento cineclubista ourensán e o papel que xogaron proxectos como os das Xornadas de Cine de Ourense e as Xociviga do Carballiño.

Pechara os Encontros literarios co cinema Xaime Fandiño, que presentará a novela «El último concierto». O encontro desenvolverase na libraría Volando Libre o día 26, ás 19.30 horas.