Hoxe chega o Centro Dramático e mañá collen o relevo tres mulleres facendo comedia
16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Doble cita teatral esta fin de semana no Principal de Ourense. En ambos casos, obras feitas en Galicia e en galego. Hoxe (20.00 horas) é o turno do Centro Dramático Galego, que chega con «Terceiro acto». É unha obra que fala do proceso de facerse maior, dos anhelos, das perdas, dos soños por cumprir, do lugar onde nos coloca a sociedade ao ir vellos. E para iso válese da historia de cinco artistas que naceron nunha ditadura e que na súa mocidade creron que podían comezar de cero e loitar por un novo mundo. O espectáculo imaxina como será todo cando eles xa non estean. «Neste momento no que a historia corre a una velocidade endiañada, detémonos para escoitar atentamente, nunha especie de soño poético, a aqueles que van diante de nós, os gardiáns da memoria», din desde a compañía.
Mañá (19.00 horas) será a quenda de Etiqueta Negra Produccións son «As R(h)umorosas», unha comedia de Marta Doviro, Ledicia Sola e Carmen Méndez. As tres poñen en valor ás grandes mulleres da historia galega, nun contexto divertido e moi innovador, xa que tratan de responder á pregunta de que dirían María Pita, Rosalía de Castro ou Isabel Zendal se fosen cómicas hoxe en día e se puideran falar de si mesmas. Marta, Carmen e Ledicia danlles voz a mulleres ilustres de Galicia a través de situacións imaxinarias como unha entrevista de traballo, un programa de cotilleo ou un cásting. E os monólogos, as escenas e incluso a música vanse dando relevo no escenario para compoñer o espectáculo.
Entradas
As entradas para ambos espectáculos están dispoñibles na web ataquilla.com. Hai butacas dispoñibles por prezos que van desde os 12 ata os 20 euros.