Pasou once anos en Jipijapa, unha das zonas máis pobres de Ecuador: «As misións son como unha droga e o síndrome de abstinencia non é fácil»
OURENSE
O sacerdote José Manuel Méndez naceu no Bolo, nunha familia de agricultores e agora leva as parroquias do municipio de Riós
17 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Gústalle a sotana. Di que é unha vestimenta moi elegante e posa para a foto que ilustra esta reportaxe cunha das dúas que ten. Pero non convén facer un xuízo moi apresurado sobre se esa apreciación denota unha personalidade inclinada ao conservadurismo. De feito, non fai falta moita charla para decatarse de que José Manuel Méndez Fernández (Lentellais, O Bolo, 1974) é un cura pouco convencional, ao que lle brota a retranca galega e a risa case coa mesma facilidade e naturalidade coa que comparte sentimentos e reflexións persoais.
Lembra perfectamente cando aquel rapaz de aldea chegado ao Seminario Menor para estudar secundaria decidiu o seu camiño. «Foi o día do Domund do ano 89, debeu de ser o 25 ou 26 de outubro. Os domingos pola tarde era habitual que os internos fóramos dar un paseo co cura, en fila, ata o xardín do Posío ou ao fútbol. Pero aquel día puxérannos unha película que case era de estrea, A Misión, dirixida por Roland Joffé, con Robert De Niro e Jeremy Irons. Impactoume tanto, tanto, que non fun ao paseo. Escondinme na miña habitación, debaixo da cama, e pasei chorando toda a tarde. Tiña quince anos e sentín algo que, imaxino, foi como un namoramento. Dixen: ‘‘Señor, isto é o meu. Señor, sen ti a ningún lado''».
Daquela non sabía que el mesmo acabaría nunha misión no territorio americano, pero recoñece que tiña o terreo abonado para a aventura incluso antes de ver a película. «Tiven a sorte de que un dos regalos que me fixeron na Primeira Comunión foi unha unha revista misioneira infantil que tiña historias e xeografía de África e de América. Tamén tiña un atlas e dende pequeno sabía tódalas capitais de memoria. Iso sementou en min un ansia de coñecer mundo», conta. Axudou un empeño particular da súa nai: «Mandábanos coas vacas, pero sempre cun libro para ler alí e ao volver preguntábanos o que léramos. Eran novelas de Los Cinco ou as de Verne ou a de Moby Dick e iso, supoño, tamén foi un universo creativo que me movía á aventura», reflexiona.
Tardou anos en ver cumprida esa aspiración. Foi no 2006. O bispo de entón, Luis Quinteiro Fiuza, propúxolle atopar un compañeiro disposto a marchar con el a Jipijapa, en Ecuador. Contoulle que os dous sacerdotes que atendían esa misión tiñan que retornar por cuestións familiares e se non había relevo habería que pechala. «Non convencín a ninguén pero foise comigo Manolo Rodicio que fora delegado de Misións e xa estivera alí antes».
Conta que pasou varias etapas no proceso de adaptación, que el entende que se completou cando deixou de xulgar aos indíxenas coa vara de medir occidental. «Cando deixas esa soberbia da superioridade moral é cando empezas a querer de verdade e a convivir», reflexiona.
Cando se lle pregunta se garda máis bos que malos recordos José Manuel Méndez deixa constancia da súa templanza. «Non se trata diso. A vida é como é e eu o que recordo é que me trataron sempre con moito cariño». Conta, como exemplo, o tempo que pasou ingresado nun hospital tras un accidente de tráfico, un choque frontal. «Daquela xa estaba só na misión e alí cando tes un accidente, mentres non se aclaran as responsabilidades, préndente, porque a xente adoita escapar. E as señoras dos 82 puebliños que atendía estiveron o mes e medio que pasei hospitalizado e preso turnándose para non deixarme un minuto só, nin de día nin de noite. Lavábanme o pixama e a roupa da cama tódolos días e facían rifas para poder comprar a comida que me levaban, porque alí os hospitais non funcionan como aquí. Foi alucinante», conta.
José Manuel recoñece que aínda hoxe se emociona ao recordar esa xenerosidade da xente. «As misións métense tan dentro de ti que son coma unha droga e o síndrome de abstinencia non é fácil de levar», conta. «Aínda hai pouco estiven nun congreso en Quito e dixen que eu en España estou de corpo presente pero a miña alma segue alí. Xa sei que soa ñoño, case a adolescente, pero é o que sinto», comenta.
«Son dos que pensa que o cura ten que vivir no sitio e estar onde están os veciños»
José Manuel Méndez recoñece que non lle parecería mal marchar a unha nova misión. E se fose nunha zona rural na que relacionarse con campesiños, mellor que mellor. «A xente de campo é especial», comenta. Este sacerdote ten algunhas conviccións sobre o exercicio da súa tarefa moi claras. Unha delas é que o sacerdote debe compartir o día a día cos seus feligreses. «Son dos que pensa que o cura ten que vivir no sitio, estar onde están os veciños», di.
El ocupa a casa parroquial en Riós, onde atende nove igrexas e o coidado espiritual dos residentes de todo o municipio. «Vivir aquí é a maneira de coñecer, de ter contacto coa realidade da xente no día a día, e tamén de poder visitar porque agora hai moita xente maior e saber que estás é importante. Eu dedico as mañás a visitar á xente», comenta o sacerdote.
DNI
Quen é. Naceu no núcleo de Lentellais, no municipio de O Bolo, en 1974, nunha familia de agricultores. Perdeu a seu pai cando tiña só sete anos, era o maior de tres irmáns e mandárono ao Seminario Menor para facer a secundaria.
A súa traxectoria. Ordenouse con 25 anos e o seu primeiro destino foi a parroquia de Santa Teresita, onde apoiou ao titular, daquela Lisardo Ramos. No 2006 marchou á misión que a Diócese de Ourense tiña en Jipijapa (Ecuador). Alí estivo ata que no 2017 decidiron pechala. Dende hai seis anos leva as parroquias do municipio de Riós.