Anxo Fernández: «'Non pasarán' é unha reflexión sobre o auxe do populismo e a extrema dereita»

x. m. r.

OURENSE

Ártika trae «Non pasarán» a Ourense
Ártika trae «Non pasarán» a Ourense Cedida

A montaxe de Sala Ártika, escrita e dirixida por Tito Asorey, chega ao Teatro Principal

20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 22 • 20.00 horas • Teatro Principal • De 15 a 25 euros • A Sala Ártika de Vigo botaba a andar hai algo máis de dez anos, cumpríronse en decembro do 2024, e dende fai case catro contan cunha compañía de teatro. A mesma chega este sábado ao Principal coa súa montaxe «Non pasarán». A proposta é un espectáculo que toma como referencia a obra «Biedermann e os Incendiarios», de Max Frisch, e que pon o foco no auxe dos discursos populistas e a extrema dereita nos últimos tempos. Tito Asorey é o autor do texto e o director da montaxe, que está protagonizada por Marcos Alonso, Rocío Salgado, Fernanda Barrio e Martín Maez. Anxo Fernández é o produtor e técnico de son, Vanesa Sotelo foi a responsable da adaptación e contan coa colaboración especial de Melania Cruz. 

—Como nace a colaboración para crear esta montaxe?

—Na Sala Ártika somos moito de traballar as problemáticas sociais dende o teatro. Colaboramos con Tito Asorey e Vanesa Sotelo e aproveitamos esa relación para plantexarlles a idea. Gustoulles e despois dun ano de traballo estreamos o 22 de novembro.

—Por que escolleron a obra de Frisch?

—A nosa é unha versión moi libre do texto e apostamos por ela porque cremos que a historia se repite. El falaba do auxe do fascismo na Alemaña daqueles anos e nós facémolo sobre os discursos populistas e a extrema dereita. «Non pasarán» non só busca entreter ao público, que tamén, senón incidir no paralelismo das situacións, redimensionar as figuras e facer que a xente reflexione e mire as cousas con sentido crítico.

—Dende que comezaron o traballo medrou a cousa.

—Si, xa tiñamos a guerra de Ucraína, o auxe da extrema dereita en Europa e figuras xa destacadas nese auxe da extrema dereita, e na actualidade xa contamos con Trump tamén.

—Trasladan daquela a trama á época actual?

—Si. Nun principio barallábamos tres épocas —anos 1920, 1980 e 2020— pero finalmente optamos por crear unha montaxe que se desenvolve no século XXI, con vocación totalmente contemporánea.

—Contan coa colaboración especial de Melania Cruz como Alexa. É unha participación virtual?

—Algo así. Ela é a que lle pon a voz a Alexa. Dende sempre mantén unha estreita colaboración connosco e cando llo propuxemos non o dubidou.

—Con que se vai atopar o espectador do Principal?

—Cunha obra conmevodora que mestura narrativa teatral, comedia e drama absurdo e que conta a historia dunha familia acomodada á que dúas persoas tentar convencer de cousas que son contrarias ao que eles pensan, pero que rematarán por ceder e ser convencidos polos estraños.