
A presentación do novo número reuniu a máis dun cento de persoas nun acto de carácter cultural e musical.
10 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Centro Social e Cultural Albor acolleu a presentación do número 17 da revista Nós, a Xente do Redor, reunindo a máis de cen persoas nun evento dedicado á cultura, á lingua e á fraternidade galego-portuguesa.
O acto combinou literatura e música coa participación do grupo de pandereteiras da Asociación de Veciños Loureiro, a Coral de Albor, os acordeonistas Maximino Míguez Salgado Maxi e Benito Villar, o poeta e músico Armando González e o dúo formado por Benito Eladio Rodríguez e Adela Figueroa.
A presentación foi conducida por Marina Sánchez e contou coa intervención de trinta escritores, así como coa asistencia de diversas personalidades institucionais e culturais. Entre os asistentes destacaron os delegados da Xunta e da Deputación, Manuel Pardo e Rosendo Luis Fernández, xunto coas senadoras Carmen Leyte Coello e Rosa Sánchez. Tamén estiveron presentes Manuel e Amparo Blanco, do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Lalín, e os pintores Miguel Ángel Martínez Coello, Paco Ascón e Lola Doporto.
Avelino Jácome, director do Movemento Cultural Nós, a Xente do Redor, reivindicou o espírito libre e inclusivo da revista, destacando que «este é un movemento que nace do pobo e para o pobo, unha aposta pola solidariedade, a paz e a amizade nun tempo no que son máis necesarias ca nunca». Ademais, subliñou a importancia da lingua galega como elemento fundamental da identidade colectiva: «A nosa lingua é herdanza e futuro. Pobre pobo seriamos se non fósemos capaces de mantela viva e de legala ás novas xeracións».
Con este acto, Nós, a Xente do Redor reafirma o seu compromiso coa cultura popular, a diversidade e a lingua galega, consolidándose como unha referencia imprescindible no panorama cultural.