
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán impulsa unha recompilación que porá en valor o idioma propio
19 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Valdeorras terá o seu propio dicionario, un que recolla palabras que na comarca se utilizan a cotío e tamén aquelas se usaban en tempos pero que agora están case esquecidas. Será unha recompilación que porá en valor o idioma propio. Da súa posta en marcha encárgase a comisión de lingua da Fundación Florencio Delgado Gurriarán. É un ambicioso proxecto para o que a entidade nacida para divulgar a figura do poeta de Córgomo conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esa comisión, a única creada ata o de agora dentro de fundación, está marcando as liñas do dicionario, que estará dispoñible na rede. De feito, internet será a canle utilizada para buscar a adhesión da veciñanza ao proxecto. A través de web poderán ir aportando as palabras propias da comarca que boten en falta no dicionario.
A fundación quere crear outras comisións, centradas en literatura, historia, territorio e artes. Tal e como explicou Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses e patrón da fundación, «están abertas á incorporación da cidadanía». Fixo un chamamento ás persoas «interesadas en aportar tempo e ideas». O dicionario será presentado o día 29 (11.30 horas) nun acto que terá lugar no centro cultural Avenida da Rúa e que incluirá dúas palestras sobre a fala valdeorresa e do Bierzo. Intervirán as filólogas Noelia Estévez, Sara Rodríguez e Margarita Pizcueta, que é tamén concelleira de Cultura no Barco. A xornada seguirá á unha da tarde cunha visita e cata nunha adega e cova tradicional na que se falará do léxico do viño. «Aínda que participar é de balde, é preciso inscribirse previamente na web da fundación», apuntou Ana Fernández Vizcaya, tenente de alcalde da Rúa, que acudiu xunto a que será a nova edila socialista, María del Carmen Álvarez.
Volve o premio de poesía
Esta será a primeira actividade do ano da fundación, que ten preparadas varias más para os próximos meses, segundo destacou o patrón Miguel Bautista. Avanzou que en abril se convocará o sexto premio de poesía FDG e que o 17 de maio será a Florenciada en Córgomo. Ademais, no verán recuperaranse as noites de teatro e tamén haberá actividades con escolares.
«Este é un proxecto cultural moi beneficio para toda a comarca e demostra que a cultura non está só nas cidades, que desde o rural podemos presentar unha programación cultural ao nivel de calquera outro sitio», remarcou a alcaldesa da Rúa, María G. Albert. Quixo, ademais, poñer en valor o traballo do organismo: «A fundación está a facer unha labor importantísima por garantir unha oferta variada en toda a comarca, no conxunto de cousas que se fan pero tamén nos espazos nos que se desenvolven».