Julio Prada foi reelexido decano da Facultade de Historia

La Voz OUERNSE / LA VOZ

OURENSE

Domingo Rodríguez, Julio Prada, Antonio Presedo e María Carmen Arribas conforman o equipo decanal
Domingo Rodríguez, Julio Prada, Antonio Presedo e María Carmen Arribas conforman o equipo decanal

O catedrático repite o mesmo equipo directivo do primeiro mandato e marca entre os obxectivos o aumento da matrícula

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Julio Prada renovou como decano da Facultade de Historia do campus de Ourense tralos tres primeiros anos de mandato. A súa candidatura, a única presentada ás eleccións foi elixida por unanimidade.

Prada, que é catedrático de Historia Contemporánea e está especializado no estudo da violencia política, o franquismo e a transición á democracia (ámbitos nos que dirixiu unha decena de proxectos e contratos de investigación e nos que ten publicado unha trintena de libros e máis de 200 artigos) é tamén licenciado en Dereito e profesor titor do Centro Asociado á UNED en Ourense. Asume de novo a responsabilidade de dirixir a facultade contando co mesmo equipo decanal que o acompañou no primeiro mandato. Traballará con María Carmen Arribas e Antonio Presedo como vicedecanos, e Domingo Rodríguez Teijeiro como secretario.

Julio Prada explicou trala reelección que o obxectivo para o novo mandato é «ontinuar coa mellora da nosa xestión en todos os niveis e co desenvolvemento do plan estratéxico da facultade». «Teremos que seguir traballando arreo na captación do alumnado sen esquecer que somos parte dun campus radicado nunha provincia con serias dificultades de tipo estrutural ás que nos temos que enfrontar e coa competencia que representan outras titulacións do sistema universitario galego», engadiu o decano. Lembra que  no caso do seu centro, tamén afecta a crise xeral dos estudos de humanidades. «Aínda que os excelentes resultados da nosa matrícula nos últimos anos semellan contradicir esta diagnose, penso que non podemos ser alleos ás grandes tendencias do momento». apunta.