A folga da alimentación de Ourense pecha uns supermercados e enche outros nunha tensa xornada
OURENSE

Empresas e sindicatos crúzanse acusacións de presionar aos traballadores
16 may 2025 . Actualizado a las 18:58 h.As negociacións para a renovación do convenio provincial do sector da alimentación están rotas e este venres os sindicatos convocaron unha xornada de folga que contou cun amplo seguimento. Houbo tensión, ao igual que nos días previos, xa que as organizacións sindicais denuncian presións das empresas aos traballadores para non secundar o paro e, pola outra banda, a patronal criticou aos piquetes por tratar de impedir que os empregados que quixeran puidesen acudir ao seu posto.
O certo é que desde primeira hora da mañá os convocantes desprazáronse en grupos polos supermercados das tres cadeas afectadas pola proposta. Trátase de Froiz, Gadis e Cuevas, que son os que funcionan en base ao convenio provincial. O resto das marcas remítense ao estatal ou teñen un propio de empresa. Así pois, os establecementos que non estaban afectados pola convocatoria puideron funcionar con normalidade, salvo polo feito de que houbo máis movemento do habitual, ao ter que buscar alternativas os clientes habituais dos que si estaban pechados. E a maior parte dos supermercados afectados non puideron abrir, salvo contadas excepcións, como o Gadis de Xoán de Nóvoa.
Os piquetes actuaron durante todo o día, pero ás 12.00 horas os convocantes reuníronse para unha manifestación que partiu de Ervedelo e que discorreu por diversas rúas da cidade, pasando por diante de moitos dos supermercados das tres cadeas implicadas. Ao paso dos manifestantes, a Policía Local cortaba o tráfico das rúas próximas, provocando algúns atascos. Na protesta participaron centos de persoas e, no nome dos convocantes, Anxo Pérez Carballo mostrouse satisfeito polo seguimento da manifestación e da folga en si, tanto na capital como en localidades como O Barco, Verín e Ribadavia: «Esiximos, como punto de partida, a equiparación salarial con Coruña e Pontevedra porque eles venden o leite ao mesmo prezo en Ourense que en Coruña».
Por medio dun comunicado, a patronal do sector lamentou as accións de «violencia e acoso» dos piquetes e di que o incremento nos salarios solicitado polos sindicatos é «inasumible». As empresas móstranse dispostas, en calquera caso, a retomar as negociacións o martes que vén.