Ourense consolídase como referente aeroespacial cun novo edificio para a Escola de Enxeñería Aeronáutica que custará dez millóns de euros
OURENSE

O novo espacio, no campus sur da cidade, integrará aulas, laboratorios e incubadoras de proxectos nun entorno pensado para atraer talento e impulsar a investigación
12 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os cimentos do futuro da enxeñería aeroespacial galega xa se están cavando no Campus Auga de Ourense. Este venres tivo lugar a presentación oficial do novo edificio da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou o potencial desta titulación para facer cidade e crear futuro. «As cousas potentes teñen que ter sedes axeitadas. Unha parte importante dos fondos europeos van destinados a actividades do sector aeronáutico», sinalou recén chegado de Bruxelas.
O novo edificio, que terá máis de 6.500 metros cadrados, contará cun financiamento de 6,3 millóns de euros por parte da Xunta —o 60 % do custo total— e estará rematado nun prazo estimado de 18 a 20 meses. A infraestrutura acollerá aulas, laboratorios punteiros, despachos e incubadoras de proxectos, e aspira a converterse nun emblema arquitectónico do campus. Segundo explicou o arquitecto do proxecto, Javier Rodríguez Alcoba, o deseño aposta por un edificio de vidro que se integrará no contorno natural do recinto. «Queríamos manter o carácter verde do campus e, ao mesmo tempo, crear un elemento de referencia. Falamos na memoria dun faro, xa que pola noite iluminarase e comportarase como tal», indicou.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo en valor o traballo feito durante estes dez anos para consolidar a titulación, unha das máis demandadas do Sistema Universitario Galego. «Houbo unha boa visión de futuro cando se decidiu implantar este grao en Ourense. Os inicios foron moi complicados, pero agora temos a demostración de que a xente que se forma aquí está preparada para ocupar calquera posto no sector aeronáutico», confesa. De feito, a nota de corte para acceder ao grao este ano sitúase nun 12,376, manténdose entre as máis elevadas de Galicia malia o lixeiro descenso xeral nas notas de admisión das carreiras. «Titulacións que antes parecían case imposibles de ver en Galicia están agora asentadas con potencia, atraendo a moitísima xente de fóra. As notas de corte así o acreditan», apuntou o presidente da Xunta.
Este proxecto forma parte da Iniciativa Estratéxica da Xunta en Aeroespazo, Seguridade e Defensa, que prevé mobilizar máis de 900 millóns de euros ata 2030 —dos cales 183 millóns procederán directamente da Administración autonómica— e representa un paso máis na consolidación do Campus da Auga como campus especializado. Desde 2013, a Xunta leva investidos máis de 12 millóns de euros neste campus, centrado en ámbitos como a alimentación, a agricultura, o medio ambiente e o termalismo.
A nova sede permitirá concentrar nun único espazo os recursos necesarios para unha formación de vangarda, tanto para o grao en Enxeñería Aeroespacial como para os másteres en Enxeñería Aeronáutica e en Sistemas Aéreos non Tripulados. Trátase da única escola deste tipo en Galicia, o que consolidará Ourense como referente nacional e europeo na formación especializada neste eido, con capacidade para atraer talento de dentro e fóra de Galicia. «As persoas que estuden aquí teñen un gran futuro por diante», concluíu Rueda.