Javier Orbán, presidente da UD Ourense: «Queremos dez patrocinadores de 25.000 euros e non un de 250.000»

OURENSE

Orbán González amplió sus responsabilidades en la cúpula directiva de la UD Ourense
Orbán González amplió sus responsabilidades en la cúpula directiva de la UD Ourense Miguel Villar

O empresario defende o modelo de fútbol popular con inversión privada

14 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Orbán González (Ourense, 1970) é o cuarto presidente da Unión Deportiva Ourense. Tamén é un deses nenos que mamou ourensanismo nas gradas do Couto. «Nunca fun de ningún outro club, podo simpatizar co Celta ou co Dépor, pero son do Ourense», apunta a modo de tarxeta de presentación. Foi brazo dereito —só un máis, segundo as súas palabras— de Fernando Currás no cuadrienio anterior. Representaba o papel do home de empresa que necesita toda cúpula reitora e, quizais por iso, o seu acceso á presidencia parecía cantada. Ponlle corazón e cabeza, ninguén dubida que vai con todo a polo seu novo desafío.

—¿Cómo o captaron para a causa da UD Ourense?

—Levo catro anos previos na directiva, cando entrou Fernando, ao que non coñecía. Entrei primeiro a colaborar e rematei na xunta directiva aos dous meses. Agora, este troco penso que é natural, pódese dicir que nos recolocamos no campo, porque Fernando se posiciona máis no ámbito que mellor domina, o deportivo, e eu xunto con outra serie de persoas, no de xestión e económico, do que xa nos ocupabamos, co ánimo de acertar máis. Creo que tamén hai que destacar que os anteriores directivos nos seguen axudando, aínda que sexa na sombra, pero de forma constante. Hai que poñelo en valor, porque noutros casos vaste e pechas a porta. Aquí non.

—¿Marcou unha meta para estes outros catro anos ou a máis longo prazo o fútbol profesional?

—O primeiro obxectivo é consolidarse aquí e intentar chegar á Primeira Federación. É un proxecto a catro anos. A partir de aí, penso que chegar ao nivel de Segunda ou Primeira División require máis de catro anos. É certo que isto é deporte, pode soar a frauta e tópaste cun ascenso, pero creo que ascendemos no ano correcto, porque se subíramos antes a estrutura de xestión tería pés de barro. A totalidades de patrocinadores renovaron y non chamando nós. Para que ese vínculo funcione necesitas tres ou catro anos.

—¿Está convencido no modelo de fútbol popular?

—Penso qué ata Primeira Federación é adaptable. Descoñezo, se é posible mantelo por exemplo na Segunda División, pero estou seguro de que necesitamos seguir mellorando en estrutura de xestión. Na última asamblea tivemos un apoio maioritario dos socios. Nos mesmos non esperábamos un 92 % de apoio ou que non houbera algunha persoa que dixera non o vexo o que acabades de dicir.

—Ten falado moito da necesidade ter do voso lado ás empresas.

—Pensamos no obxectivo de contar con múltiples pequenos patrocinadores. De feito temos algún que nos chama a final de ano e se ofrece a subir a cantidade se necesitamos algo máis, pero o que transmite o club é que non necesitamos máis, que queremos outro que aporte tamén, porque o contrario remata mal. Queremos dez patrocinadores de 25.000 euros e non un de 250.000. Si temos ás grandes empresas da provincia detrás de nós, algo do que estamos moi orgullosos. Creamos unha bancada de empresas o ano pasado na que aquelas que o desexen dispoñen de tres asentos cos seus logos, ás que poden acudir eles e os seus convidados. Sempre está chea e se relacionan entre elas. Á empresa lle funciona, porque se crean sinerxías. Onde todos nos sentimos parte do club, éxito seguro. O que fai iso, é que calquera pequena entrada da hostalería ou da mercería representa outro orgullo grandísimo, porque alguén que co seu pequeno esforzo te de trinta ou corenta euros me dan ganas de chorar da emoción. Facemos unha tirada do que chamamos colaboro e un centenar de locais o poñen. Nos produce unha grande satisfacción.

«Chegaremos ao que cheguemos cando o proxecto teña a estrutura suficiente»

O Club que naceu na bancada do Couto, protestando pola desaparición do CD Ourense, buscou unha rápida solución para manter vivo o seu legado. Pero os mesmos afeccionados tamén tomaron boa nota do que non podía volver a suceder no futuro a medio ou longo prazo.

—¿Qué lección aprenderon do que sucedeu co CD Ourense?

—A primeira é que non se poden acelerar os pasos. Chegaremos ao que cheguemos cando o proxecto estea maduro, teña a estrutura suficiente, os ingresos repartidos e profesionais á fronte da xestión. Tamén no deportivo, CD Ourense intentou ir por diante e nos malos momentos non aparece ninguén, ao revés dos bos cando todos veñen poñerse medallas. Queremos estar nun proxecto onde todos sexan humildes e valoren ao que teñen ao lado. A UD Ourense é así. Se preguntas aos accionistas —cos abonados hai máis diversidade—, todos pensan nun crecemento paulatino e progresivo. Non fai falta ascender todos os anos. Cremos que agora o equipo si necesitaba subir, porque eramos un transatlántico en Terceira. O novo entorno é máis parecido en cidades e presuposto. Se non se acadara o ascenso do ano pasado sería máis razoable cambiar de programa, non investir tanto.

—¿Seguen o modelo de Unionistas de Salamanca?.

—Mirámonos no modelo de Unionistas e sempre foi un exemplo para nós. Agora estamos case no seu nivel en canto a categoría do primeiro equipo, pero eu tamén creo que temos moito que aprender do Atlético Osasuna. Os seus socios son donos do capital social, teñen premisas como as de contar con publicidade local. O contrato co goberno autonómico defende ao club e ás súas categorías inferiores e outras pautas de identidade de club.

«Para que o club sexa viable e teña sentido é esencial a súa canteira»

Ademais do seu convencemento de que a boa xestión económica e vital para o futuro da UD Ourense, Orbán González tamén defende a identidade que debe amosar diante dos seus afeccionados.

—¿Dende a fundación do herdeiro do CD Ourense apostaron polas categorías inferiores?

—Para que este club sexa economicamente viable e teña sentido é esencial a súa canteira. Este ano debutaron cinco rapaces da base no primeiro equipo e iso si é para sentirse contento. Ao corpo técnico non lle tremeu a man para escollelos e confiamos en que se siga facendo. De feito varios xuvenís entrarán en dinámica de primeiro equipo dende o principio. E se temos nenos de 16 ou 17 anos que están a xogar, é moi posible que non tardemos moito en ver a algún deles na titularidade. Se non fose así, non estaríamos os mesmos nesta xunta directiva. Cremos iso, que ser o equipo referencia da cidade pasa por aí. No campus que organizou Ociosaugal contábannos que en dous días se esgotaron todas as prazas, porque os nenos querían estar coa UD Ourense. Qué bonito, aínda que che queda a mala sensación de deixar nenos fora, pero estas son cousas que non pasaban antes. Hai un sistema. Todos os equipos da base xogan igual. Non priman os resultados, prima aprender. Nótase que nos apaixona o tema.

—E tamén o pide así a afección polo que se percibe cada vez que aparece un deses rapaces.

—A principal diferenza de esta entidades con outras é a masa social. En Terceira, éramos o club coa mellor afección, non a máis numerosa, a mellor. Quedámonos a un centenar dos dous mil abonados, que sería o top da categoría a nivel de todo o estado. Este ano, a principios de mes xa pasamos dos seiscentos, cando sabemos que as semanas previas a empezar a competir é cando se produce o maior número de altas. Confiamos en superar os 2.000 abonados antes do Nadal, que sería o tope noso e moi cerca do histórico do CD Ourense. E hai que incidir en que os nosos abonados pagan o carné. Non se agasallan nin hai promocións. Na función do tipo que se escolla hai vantaxes distintas, pero todos o pagan. Mentres sexa así e todo o mundo siga convencido de que é o único proxecto verdadeiro da cidade, seguiremos medrando. E o mesmo cando un rapaz forma parte da nosa canteira e ten ese sentimento de club do que podemos estar moi satisfeitos todos os que estamos aquí.