
Un total de cinco filmes serán proxectados na provincia ata setembro
31 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No marco do seu compromiso coa cultura, a Deputación de Ourense organiza un programa de proxeccións ao aire libre en diferentes concellos da provincia. O proxecto Circuíto provincial de cine de verán 2025 achegará o mundo audiovisual a un total de 30 municipios de Ourense.
O deputado de Cultura, César Fernández, quixo destacar o firme apoio da Deputación ao sector do cine, como tamén a todas as actividades, como é o caso destas proxeccións, que «contribúen á dinamización do noso rural».
Dende a Área de Cultura da Deputación tamén se valora a cooperación para levar a cabo este proxecto, e destacan o apoio de Agadic, con Jacobo Sutil, Gadis e a organización do cine de verán, a través da figura de Xoán Mariño.
Cinco títulos para todos
Ata o vindeiro 30 de setembro, as películas que se proxectarán son: + Cuñados, As Neves, Antes de Nós - Castelao, Os demos de Barro e Chicken Run - Amanecer de los Nuggets.
A selección pretende fomentar a variedade de formatos adaptándose a todos os públicos. Ademais, varias das películas foron rodadas en Ourense e contaron con apoio da Deputación de Ourense.
+ Cuñados
A longametraxe proxectarase durante o verán nos concellos de Barbadás, Maside, Nogueira de Ramuín, Celanova, Vilariño de Conso, O Bolo, Melón e Sarreaus.
As Neves
Poderá verse en Viana do Bolo, Castrelo de Miño, Piñor, Avión, Montederramo e San Xoán de Río.
Antes de Nós -Castelao
O filme estará en Verea, Vilar de Barrio, A Peroxa, Cartelle, Maceda, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos.
Os demos de Barro
A película exhibirase en Bande, Baños de Molgas e Allariz.
Chicken Run - Amanacer de los Nuggets
Proxectarase en Boborás, Esgos, Paderne de Allariz, A Mezquita e Carballeda de Avia.