Eva Arias, atleta e política: «A milla urbana do Barco era a oportunidade de volver á casa e correr ao carón da miña xente»
OURENSE
O tratamento de cancro impídelle volver correr a proba nas Festas do Cristo ás que hoxe pon inicio co pregón
12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non oculta que está nerviosa, pero sabe que vai estar rodeada dos seus, así que Eva Arias (1980, Barcelona) ten xa ganas de subir ao escenario da praza Maior do Barco para dar o pregón (21.00 horas) que abre as Festas do Cristo. «Espero non emocionarme, pero de momento cada vez que o leo, choro», confesa. Non sabe se botará unha lágrima, pero si está segura de que estará rodeada da súa familia e dos seus amigos.
Nacida en Barcelona, con apenas catro anos os seus pais decidiron volver a Valdeorras. Arias medrou en Vilamartín e no clube Adas, onde comezou a súa carreira como atleta, ata que con 18 marchou para o centro de alto rendemento de Madrid. Xa levaba unha boa historia de éxitos no atletismo para entón, e despois seguiron medrando.
—Cando se retirou?
—Realmente non teño data de retirada. Eu seguía competindo a nivel nacional ata que fai dous ou tres anos parei por unha lesión e o ano pasado operáronme cancro de mama. Sumou todo e tamén a idade, porque con 40 anos estaba competindo con nenas de 18. Xa non toca.
—Unha deixa de ser atleta?
—Non. Lévase no ADN. Eu creo que o atleta nace e seguiremos toda a vida sendo atletas. Vai inserto na forma de cada persoa.
—É quen de saír correr sen competir ou pensar en marcas?
—Si, por suposto. Eu cando tiven que estar ao 400 % estiven. E agora xa non teño a necesidade de seguir adestrando para seguir competindo a un nivel que xa non me corresponde. Algunha vez penso «que bonito era iso», pero ten tantos sacrificios detrás que neste momento doume conta de que non é posible.
—Actualmente é voceira do PSOE en Ávila. Desde cando lle gusta a política?
—Creo que desde que tiña uso de razón. Cando estaba en clase intentaba axudar ao máis desfavorecido... Eu non quero pasar pola vida de puntillas. Somos parte dunha sociedade que entendo que nos temos que axudar. Son unha persoa moi comprometida co mundo no que vivo e a política é o lugar para poder mellorar onde vivimos. Empecei en Vilamartín de Valdeorras no mandato 2015-2019. Daquela xa estaba indo e vindo a Ávila. No 2019 pedíronme os compañeiros do partido en Ávila que fora na lista e fun concelleira, e no 2023 ofrecéronme ser cabeza de lista.
—Como está sendo?
—É difícil porque en Ávila sempre gobernou a dereita. Creo que na poboación hai un sentir de insatisfacción porque é unha cidade de provincia que quedou pequeniña, que non hai moita prosperidade económica e laboral. Pero como digo eu, na oposición podemos facer moito pero o primeiro que ten que cambiar é o sentido do voto porque non somos o equipo de xestión.
—Hoxe ademais pregoeira. O primeiro que dá?
—É si. E co tímida que son! (Ri). Cústame un montón falar en público. Pero ao final o atletismo tamén me dou ferramentas para iso.
—Que son para vostede as Festas do Cristo?
—O que para todo o mundo. É un lugar de encontro. É un momento marcado no calendario do ano non só dos barquenses, senón de todos os valdeorreses, porque son as festas maiores da comarca. A lembranza que a min máis me pesa é a milla urbana, que non corrín desde a primeira edición, pero desde a segunda ou a terceira si. Fun da man das Festas do Cristo a través da milla.
—Cantas?
—Non o sei. Desde os sete ata os trinta e moitos. Houbo anos que non, porque se fai nas Festas do Cristo e era como o momento de vacacións que tiñamos os deportistas profesionais. Lembro o campionato do mundo de Berlín, que corrín cunha fractura na tibia. Non fixen a milla porque tiña que descansar si ou si. Algunha vez tiven que renunciar á milla porque era o momento de sanear muscularmente o corpo dunha temporada esixente.
—Competir semella pouco compatible con vivir O Cristo como festeira.
—A miña relación coa milla é de amor-odio, máis amor pero algo de odio tamén (ri). De pequena daba igual porque non saías de festa, pero despois chegan unhas idades nas que queren desfrutar, pero era incompatible. Igual dous ou tres anos enfadeime un pouco. Dependendo de cando coincidía a milla, ás veces aínda quedaban un par de días de festa. Pero unha vez que me profesionalicei non tiña nada que botarlle en cara, porque entendes iso como o teu traballo e non o ves como unha renuncia. Vía a milla como unha oportunidade de volver á casa e correr ao carón da miña xente.
—Falou antes de cancro de mama. Que tal está?
—Estou ben, pero ao ser nova e ser hormonais os cancros de mama, como me dixeron os médicos, que son ós únicos que escoito, teñen que poñer todo tipo de medicación para intentar que isto non volva. A operación non é nada, pero 16 quimios e 15 radios déixante... Rematei o tratamento máis duro en febreiro. Agora sigo cun tratamento oral, por iso o de volver a competir é difícil porque aínda teño efectos secundarios. O atletismo deume unhas ferramentas para afrontar a vida brutais. E eu sempre digo: «Estas son as miñas cartas e son coas que teño que xogar». Estouno afrontando coma tantas mulleres e dando grazas á sanidade pública, porque a día de hoxe teño un tratamento que custa máis de 4.000 euros ao mes. ¿Imaxina que tivera que estar pagándoo? ¡Grazas a todos os contribuíntes.