
A ruesa Jimena Martínez publica «As catro tempadas de Lita»
29 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sendo pequena a Jimena Martínez Julián (A Rúa de Valdeorras, 2005) pasaba horas escoitando á súa avoa contarlle historias da vida no campo e das tradicións máis arraigadas cando ela era unha nena. Coa avoa estaba ás veces unha veciña que se unía as contadas. Ao final, Jimena xuntou un bo feixe delas. Eran historias que a xente da súa idade non coñecía. E convencida de que non deberían perderse cando os maiores morreran, decidiu plasmalas no papel. Fala de cuestións relacionadas co traballo na terra ou co manexo do gando, de cando a corte estaba na planta baixa das casas e as vacas facían de calefacción para a vivenda.
Aquelas historias que tiña na memoria recolleunas en papel durante a pandemia. Foron moitos meses pechada na casa, así que había tempo. Redactou o manuscrito e despois meteuno nun caixón. Alí estivo ata que o ano pasado Jimena decidiu recuperalo. Despois dun proceso de edición, este verán publicou o seu primeiro libro. «É unha novela costumbrista na que o 80 % do narrado é real, aínda que hai un 20 % que é ficción no relativo a nomes e lugares», conta a moza. Hai tamén un apartado dedicado a Abertal, a agrupación de baile e música tradicional da Rúa, da que ela forma parte. E non faltan tampouco as alusións a Galicia e á comarca. «Explica o marabillosa que é a vida no val de Valdeorras», apunta.
Tras un proceso de edición, este verano saíu á luz As catro tempadas de Lita. Jimena é Lita: «Está escrito desde o punto de vista da neta, como se llo contara a avoa».
A primeira edición de la novela, baixo o selo Galbá Producciones, xa está dispoñible nas librerías. Tamén se pode descargar en Amazon. En outubro ou novembro ten previsto facer algunha presentación. «En agosto leveina a algunha feira, como a Bacofesta na Rúa, e tivo moito éxito», di a autora.
Jimena non para aquí. Conta que ten outra novela en proceso, pero non dá moitas pistas máis. «De momento, sorpresa», di. Haberá que agardar.