Carlos Lozano, historiador: «A través de Carlos Taboada Tundidor vese un cambio na maneira de facer política dos vellos caciques de Ourense»
OURENSE
O investigador analiza mediante a correspondencia do líder da CEDA a política ourensá da Segunda República
22 dic 2025 . Actualizado a las 10:15 h.Aínda que naceu en Palencia, Carlos Lozano, de 29 anos, tamén é ourensán. Criouse e viviu na cidade, na que se graduou en Xeografía e Historia. É un apaixonado da materia dende novo e agora dedica a súa faceta investigadora a indagar no pasado na provincia. «Que máis lóxica ten que facer a historia do teu redor?», pregúntase. Gústalle a microhistoria e defende que estudar o día a día dun territorio como Ourense pode servir como modelo para entender todo o demais. Parte das súas pescudas acaba de materializarse no seu segundo libro: Do conservadorismo ao catolicismo de masas: Carlos Taboada Tundidor e a CEDA en Ourense (1931-1936). A través da figura deste avogado ourensán expón un cambio na maneira de facer política das vellas elites da provincia na Segunda República.
A historia de Carlos Taboada Tundidor non puido recuperarse ata o ano 2011, cando a súa familia cedeu o seu arquivo. Seguindo os pasos do historiador Julio Prada, que xa publicou un libro sobre el, Lozano empregou eses fondos para o seu Traballo de Fin de Máster en Historia Contemporánea. O TFM completouse ata converterse nun libro, editado pola Deputación.Taboada Tundidor foi fillo de Juan Taboada, presidente do organismo provincial. Foi avogado e fixo carreira militar, era católico e conservador pero non se asemellaba aos seus simpatizantes, polo que constrúe a CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas), ca que saca escano en Madrid en 1933. Móvese moito ca «vella política», é dicir, elites ou caciques: «Adaptábanse a nivel municipal, pasando de ser monárquicos a republicanos dun día para outro en función dos seus intereses». Pero neses mesmos anos xorde unha nova xeración contraria a ese caciquismo que promovía unha política de masas que necesitaba mobilizar á xente. A dicotomía entre esas dúas vertentes no facer dos políticos ourensáns foi o que Carlos Lozano analizou a través da correspondencia de Taboada Tundidor con diferentes figuras de Galicia. Ademais dese arquivo inclúe primeiro un contexto demográfico de Ourense xusto antes da República e unhas biografías das figuras máis relevantes.
«Hai un cambio na visión que tiñan os políticos de moverse, non só valía con manipular a nivel electoral as actas, senón que empezaron a facer unha nova propaganda, como estaba acontecendo en Europa», explica o historiador. Iso demostra que Galicia non estaba atrasada respecto ao resto do continente. Comezaron a ir a mitins, a construír comités locais, ter outro tipo de discursos, de necesidades... «Os vellos caciques enfrontáronse a unha nova xeración que demandaba outro tipo de política», argumenta. Aclara que aínda que o marco de estudo é curto, apréciase perfectamente o cambio a través da «descoñecida» figura de TaboadaTundidor. A pesar desa alteración, Lozano conta que o caciquismo continuou.
Ao reflexionar sobre a influencia que aquela política pode ter nos tempos recentes da provincia, o historiador deixa a porta aberta: «Poder ser que haxa influencia do que poderíamos chamar o antigo cacique ou non. En teoría onde hai máis poboación debería haber máis diversidade política, pero se vemos os resultados das eleccións municipais hai xente que indistintamente lle dá igual estar nun partido ou noutro». «Igual é algo da idiosincrasia de Ourense», bromea.
Tese sobre a Deputación
O historiador ourensán saca este libro sete anos despois da súa primeira publicación, Crónica de una caída: la destitución de Alcalá Zamora. Tamén investigou sobre os deportados galegos nos campos de concentración, pero o seu campo de estudo céntrase nas elites e o poder local en Galicia, principalmente en Ourense, nos séculos XIX e XX. Está facendo a súa tese doutoral, baixo o título de Continuidades e rupturas na Deputación Provincial de Ourense (1917-1983). «Apenas hai teses sobre as Deputacións, cando cumpriron 150 ou 200 anos contouse o que fixeran pero non dende o punto de vista político, da traxectoria dos deputados e as familias políticas», explica.
Un comité de memoria histórica para implicar ao alumnado
O historiador ourensán promove a memoria democrática dentro e fóra das aulas. Como profesor, creou no instituto no que exerce, o IES Pedra da Auga, un comité de memoria histórica no que participan activamente os rapaces. «Consideramos que é algo fundamental porque se nos enche a boca de ter un currículo que fala de valores democráticos e despois non saben que é a democracia», defende. Nos catro anos de profesor tamén fixo enquisas sobre os diferentes sistemas políticos, conclúe que sobre todo nos ciclos, especialmente os básicos e medios, «o alumnado tende a desvirtuar o que é a democracia e a falar ben ou mellor de Franco». Son as rapazas as que teñen certa conciencia.
En Ourense, pertence á recen creada Asociación de Memoria Histórica Campo de Aragón-Ourense. Apoia a iniciativa de que se nomee como Praza da República e se faga un acto anual, ademais de instalar un memorial en recoñecemento ás vítimas que alí foron asasinadas. En principio, converterase nun lugar de memoria democrática. «É unha cousa a fomentar porque a maioría da xente de Ourense non coñece esta historia», apunta.
Quen é. Carlos Lozano naceu en Palencia en 1996, pero criouse e viviu en Ourense ata que se trasladou a Ponteareas para exercer como profesor de secundaria hai catro anos.
A que se dedica. Está graduado en Historia e Xeografía pola Universidade de Vigo y especializado cun máster interuniversitario en Historia Contemporánea. É investigador predoutoral e docente de Xeografía e Historia no IES Pedra da Auga.