Os maios e a distopía de educar

Xosé M. Pacho SECCIÓN DE ULTRAMARINOS

OURENSE

MONICA IRAGO

02 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que a miña filla está escolarizada estoume decatando de que o mérito educativo non está nin na universidade nin en secundaria. Unha conferencia pode dala calquera, preparar unhas clases na universidade para que os destinatarios estean pendentes do teléfono ou das redes, tamén; e ata investigar para que ninguén te lea, porque agora o coñecemento se reduce ao cuñadismo da Intelixencia Artificial. Non sei se chegamos ao que me dicían hai pouco de que o profesorado de primaria quere ás crianzas, o de secundaria quere á materia e o de universidade se quere a si mesmo. Eu quero pensar que non, que en todos os campos da educación hai persoas que queren o estudo e o coñecemento e incluso ao alumnado, que como diría Les Luthiers, ata as veces parecen seres humanos. Pero as veces teño dúbidas.

Eu só sei que cada semana que pasa e vou recoller a miña filla no colexio, están facendo cousas. Dende que comezou o curso, celebrouse o comezo das aulas, o Samain, o Nadal, o Entroido, o Día da paz, o 8M, o Día de Rosalía, a Pascua ou algo parecido, agora as Letras Galegas e mañá ao final de curso. Entrementres, os cativos e as cativas van ao teatro, van a actividades, e fan máis e máis cousas manuais. Os pais, as nais, a familia témolo fácil, recollémolos, gardamos esas cousas ou non, e seguimos coas nosas vidas. Pero que pasa con esa xente que ten que estar pendente de quince, de vinte nenos para sempre. Día tras días, semana tras semana, mes tras mes ata que se xubilan. Se Dante escribira a Divina Comedia, agora que a educación é obrigatoria, de seguro que algún dos círculos do inferno sería un colexio cheo con centos de nenos protestando e berrando.

Agora cando vexo o director do colexio da miña filla, ata me produce unha certa tenrura, porque teñen que aturar todos os días durante o horario laboral a nenos que van dende os tres ata case que a adolescencia. E aos que lles pasan cousas. Ou non. Eu non sería capaz. Ademais, por cada neno, por cada nena, hai unha familia, máis ou menos ampla aos que tamén teñen que aturar. Polo que teñen que repetir as cousas un mínimo de quince veces se teñen quince alumnos, multiplicado polas familias ata que entenden. Quince veces ao día, claro. E tamén hai coidadoras, e persoal de apoio e xente de extraescolares. O dito, o inferno de Dante.

Por iso teñen graza todas esas propostas educativas, que falan de Montessori, de Waldorf, de Piaget... cando so temos que pararnos a ollar ao noso redor e ver que mal educada está a xente. Non é problema de método, senón de persoas.

Todos os días as familias imos aos colexios, no meu caso vou ao CEIP Curros Enríquez de Ourense e apostámonos nas portas nos horarios de levar e recoller aos nenos. A min lémbrame a serie The Last of Us, porque do outro lado están eles, á defensiva, expectantes. Como cando Pedro Pascal e Bella Ramsey protéxense dos infestados nese mundo apocalíptico do videoxogo. E esas oleadas repítense durante tres, catro veces cada día, como se iso fose o normal. E por riba esas profesoras poden ter fillos ou non. Se teñen fillos, chegan á casa de aturar os fillos dos demais e teñen que aturar os propios; e se non os teñen, descobren un mundo child-free space, que imaxino que o contraste que se levan cando volven ao día seguinte ten que ser bestial. Cando vexo a Nuria, a titora da miña filla, penso o que teñen que aturar, e entón tento non ser un pesado, porque si, os pais somos pesados porque queremos que eduquen ben aos nosos fillos.

O resultado dunha mala educación vémola todos os días nas redes, na sociedade, e ata ultimamente na política. Hai actitudes dos políticos que só se poden comprender porque foron mal educados e por iso agora son maleducados. En Ourense creo que se ve claro, e como diría Gila non miro a ninguén.

Con todo, eu hoxe non quero falar de política, para iso temos os maios, que seguro que celebran coas coplas na rúa do Paseo a vida, ou a morte, política de Ourense; tampouco quero falar das non obras da avenida de Portugal, nin de imputacións nin de parques descoidados. Porque como dicía Javier Krahe nunha famosa canción, non todo vai ser fozar, ou como se diga.

a nota

Hai quen di que os docentes de primaria queren ós nenos, os de secundaria á materia e os de universidade a si mesmos. mónica irago