
«Non creo que prexudicara en absoluto ao Ribeiro por estar en campaña», di Viso
27 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Rogelio Martínez, exdelegado da Xunta, foi quen o buscou para presidir o Consello Regulador da Denominación de Orixe O Ribeiro no ano 2012, e hai uns meses, José Manuel Baltar chamouno para encabezar a candidatura do PP ao Congreso. Miguel Ángel Viso (Arnoia, 1971) fala marabillas de ambos. «Eu veño do Ribeiro e tamén se falou sempre de bandos, pero hai unha marca que é O Ribeiro e aquí hai unha marca que é o PP. Eu estou con un e estou co outro», di.
-Para un recén chegado ten que ser un «shock» iso de facer campaña, ¿non si?
-Isto é como facer un máster. Págalo co teu día a día, pero para os que nos gusta un pouco isto é unha pasada. Home, é moi intenso. Tiñamos todos os días unha reunión as oito e media da mañá e eu chegaba a casa ás once ou doce da noite con dous ou tres mítines diarios, percorridos por sitios, entrevistas en radio, prensa, televisión?
-¿Como se viu a si mesmo nos mítines? ¿Cre que teñen sentido no mundo actual?
-Falábamolo moito. Eu penso que o concepto de mitin ten que cambiar. En determinado momento pódelo ver como un apoio moral para esa xente que está aí, pero eu creo que hai que ir polos encontros sectoriais, onde sexas un interlocutor máis e que escoites propostas. Que te subas, que fales e te marches, pois non. Tes que falar, pero sobre todo escoitar, escoitar moito.
-¿Está satisfeito co resultado obtido pola súa candidatura?
-Home, un sempre quere máis, pero se fas unha valoración conxunta a nivel nacional, somos a segunda provincia en porcentaxe de voto despois de Ávila. Se fas esa valoración dis: «Vale, non estamos mal». Nós estábamos traballando para sacar tres, pero non era fácil porque a situación no 2011 era totalmente distinta.
-¿Pode ser que o PP teña tan bos resultados en Ourense polo seu envellecemento? ¿Cre que o partido está desconectado do voto xoven?
-Eu creo que non. Ti ves a lista e eu considérome xoven. Estaba Ana, Belén, Miri? Outros partidos parece que poden ter unha mensaxe máis atractiva para eles, pero o PP é consciente diso e de que temos que traballar cara a xente nova. E temos que facelo con xente nova. Por iso a renovación, pero coidado, unha renovación contando coa experiencia. Dáme medo ese exceso de xuventude e de renovación cando chegan todos en plan: ?Qué guai?. Eu estes días só puiden falar con claridade e con seguridade nos mítines porque tiña xente ao lado como Celso, Paco, Carmen, Rogelio ou José Manuel, xente con moitísima experiencia.
-¿Que vai pasar? ¿Haberá que acabar celebrando unhas novas eleccións?
-Eu creo que polo ben de todos non debería. O PP ganou as eleccións e agora outros partidos teñen que asumir as responsabilidades da toma de decisión. Volver a unhas eleccións non sería bo, pero non polo PP, para todos. Os mercados queren estabilidades políticas.
-Se fose Rajoy, ¿que faría? ¿Gústalle o da gran coalición co PSOE que algúns propoñen?
-Hai que pensar que iso sería moi complicado. Unha gran coalición co PSOE sería un fito histórico na política, pero Mariano sabe que gañou as eleccións e o PSOE ten que analizar se casarse con outros partidos lle vai ser ben ou simplemente deixar que goberne o partido máis votado.
-¿Que imaxe tiña da corrupción na política antes e como cambiou tras dar o paso?
-A corrupción é un problema gravísimo que desgraciadamente empaña o gran traballo de moitísimos políticos. Eu agora que estou dentro, se ves as horas que se dedican a isto? O da corrupción é gravísimo porque os que chegamos novos da a sensación de que te metes nun mundo?
-«Outro que vén roubar»?
-Si. E, de verdade, iso dóeche moito sobre todo polo teu entorno, pola túa xente. A corrupción é un problema, pero sobre todo para os partidos que levan anos de experiencia pero hai partidos que teñen catro alcaldes e algún xa tivo que dimitir. A corrupción hai que atacala e non se pode ter a máis mínima flexibilidade. E para os que chegamos novos é importantísimo que sexamos moi transparentes.
-Falando de transparencia, ¿que lle parece a polémica orixinada polo coñecido como «caso Baltar»?
-Eu sempre dixen que era a Fiscalía a que se tiña que pronunciar. Persoalmente é un tema delicado para a propia persoa e é un tema no que non vou entrar. Sei que é unha situación moi incómoda, moi fea para el.
-¿Que proxectos leva na cabeza para o Congreso?
-Temos que ter claro o que é Ourense. Eu son unha persoa que vén do rural e penso que o rural vai ser algo fundamental. Temos o sector do viño, o aceite, a castaña, un sector agroindustrial en xeral moi potente e temos que seguir traballando nel. E temos enriba da mesa o temas das comunicacións. A min preocupábame escoitar nestes días a outros partidos que dicían que o AVE non era importante. Eu penso que vai ser clave para a provincia, sobre todo para o turismo.
-¿Vén á política para quedarse?
-Non o sei. Dixen o mesmo cando cheguei ao Consello Regulador e me preguntaron: «¿Ves para quedarte?». Eu chegaba para xestionar. En principio son catro anos, pero non me plantexei nada. Posiblemente, se estás cómodo en algo tes que seguir, pero ao final tamén ten que ser o partido e os votantes os que decidan.
-Deixará a presidencia do Consello Regulador o día 4 xaneiro, ¿por que non antes?
-Por unha cousa moi clara. Cando me chamaron eu chamei ao pleno e nese momento tiñamos que pechar o ano, plantexar o seguinte e deixar á persoa que quedara de presidente. Nese momento, todos os membros do pleno dixeron: «Agora para un mes que queda». Eu non quero afectar para nada e o vicepresidente foi o que saíu na foto nestes días. Non me gustaba deixalo cunha carta.
-Pois foi criticado por estar en campaña para o PP e, á vez, ser o máximo representante do Ribeiro.
-Eu faleino persoalmente con esas persoas e díxenlles que podía permitir todo, pero que non aceptaba que utilizaran a palabra Ribeiro. ¡Que máis me daba, se eu non cobro do Ribeiro! E me gustou o guiño que me fixeron os membros do pleno para aguantar este mes. Eu non lle din máis importancia e prexudicar eu non creo que prexudicara ao Ribeiro en absoluto por estar en campaña, nin tampouco que o beneficiara.
-Supoño que nesta nova ocupación terá que afacerse ás críticas. ¿Pensouno?
-Eu cando vin esas cousas preocupoume persoalmente porque non o entendía. Todo o mundo me dicía que son cousas que poden pasar en política. A min afectárame pola familia. Os meus pais están con esa ilusión do rapaz e len todo e pódelles doer o que se poda falar. Pero bueno, procuraremos que as noticias sexan boas.
miguel ángel viso diéguez novo deputado do pp