As gardadoras da memoria colectiva, da lingua e da identidade galega

La Voz

A POBRA DE TRIVES

Basilisa Sotelo y Margarita Fernández (xa fallecida), cantareiras de Santa Baia de Montes, junto a Xosé Lois Foxo
Basilisa Sotelo y Margarita Fernández (xa fallecida), cantareiras de Santa Baia de Montes, junto a Xosé Lois Foxo Cedida

A evocación das cantareiras ourensáns resistiu durante séculos como única vía de transmisión

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As cantareiras foron, durante séculos, as encargadas de transmitir e conservar a tradición musical galega a través da memoria oral. Tal como explica Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, a meirande parte das pezas tradicionais que hoxe coñecemos chegaron a nós grazas a estas mulleres, que se converteron en auténticas gardiás do patrimonio inmaterial. A tradición oral, que se remonta polo menos ao século XVI segundo a documentación existente, mantívose viva grazas a esas voces que enchían os campos e as aldeas. Como recorda Foxo, o Padre Sarmiento xa dicía «Detrás de cada moza cun cántaro había unha cantora».

A día de hoxe, a tradición das cantareiras con pandeireta consérvase especialmente nas zonas costeiras, como en Bergantiños, pero tamén no interior. A montaña de Ourense —Manzaneda, Trives, A Gudiña ou Riós— segue a ser un bastión onde pervive a tradición dos cánticos da seitura, eses que acompañaban as tarefas do campo. Sobre estas recolléronse cancioneiros, como o das Terras do Bolo ou o da Seitura de Manzaneda e Trives, ambos de Xosé Lois Foxo. Son traballos que permiten preservar estas manifestacións culturais.

«Durante a Inquisición e épocas de forte represión social e cultural, estas expresións populares foron prohibidas ou marxinadas. Porén, a memoria das cantareiras resistiu como única vía de transmisión da lingua e da música galega. Moitas destas mulleres compuñan as súas coplas sen saber música nin escribir, mantendo viva a cultura popular de xeración en xeración. A súa importancia é tal que foron erixidos monumentos na súa honra como auténticas embaixadoras da tradición oral», sinala o gaiteiro e musicólogo.

En Ourense destacan os cánticos de seitura, que se diferenzan pola súa riqueza melismática e ornamentación, fronte aos máis sinxelos cánticos das pandeireteiras. Mentres os primeiros non levan ritmo fixo e presentan estruturas máis libres e primitivas, os segundos están pensados para acompañar o baile e a festa.

As cantareiras non só transmitían música, senón tamén historia, novas e vivencias da súa época e do seu entorno próximo. As coplas de cego, herdeiras dos romances medievais, eran verdadeiras crónicas sociais e a través delas falábase de crimes, sucesos ou inxustizas. Algunhas eran recollida por cantareiras que a interpretaba con auténtico ritual.

Xosé Lois Foxo sinala que a día de hoxe quedan poucas das cantareiras que conservan esa tradición como parte do seu día a día. Algunhas asociacións culturais loitan por manter viva esta herdanza, pero a realidade social xa é outra. O cambio de costumes, a perda do galego como lingua vehicular e o desarraigo rural fixeron que estas manifestacións quedaran relegadas ó ámbito do folclore. Porén, grazas ao labor de persoas e colectivos que recollen, gravan e publican estes cantos, a memoria das cantareiras segue presente. Mulleres como Dorinda Pérez, de Pradolongo (A Veiga), por exemplo, seguía cantando con máis de cen anos.

Espazo privado

A Real Academia Galega, entidade que decide o homenaxe do Día das Letras, sinala que as mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto. Desde as primeiras recollas foise pondo de relevo a figura do gaiteiro, que desempeñaba o seu oficio no espazo público, mentres que as pandeireteiras tocaban no espazo privado, conforme o papel asignado ás mulleres. Por esa razón, e para visibilizar o dobre ocultamento de xénero e materia popular, optouse por unha candidatura feminina, aínda que, obviamente, tamén houbo homes que enriqueceron esta tradición (por caso, o Cego dos Vilares, da Fonsagrada).

A celebración deste 2025 está personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens. En Ourense tamén temos nomes propios que pola súa labor ata contan con monumentos na súa honra. No Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, unha obra editada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración dos concellos de Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, a Deputación de Ourense e a Xunta recóllense algúns destes nomes. A obra de Xosé Lois Foxo constitúe un estudo antropolóxico e musical da zona e recolle a herdanza transmitida nos cantos e músicas de Manzaneda e no entorno das Terras de Trives.

Blandina, Basilisa, Dorinda ou Ludivina, os nomes propios

Blandina de Cotarós; Fiuca de Trives; Digna de Vilanova; Dorinda, de Pradolongo; Basilisa Sotelo e Margarita Fernández ou as cantareiras de Santa Baia de Montes, en Cualedro son solo un exemplo das ourensás que souberon gardar a nosa cultura ata hoxe. No 2019 colocouse unha estatua de pedra en homenaxe ás cantareiras da seitura de Paradela de Manzaneda, que se personalizou en Ludivina Pérez Ricoi.

«Teño un home que lle quero con todo o meu corazón i o querer vólveme louca i e díceme o corazón de que está querendo outra. Si é que estás querendo a outra e quérela máis que min cásate se é do teu gusto cásate e deixame a mín i acabáronse os disgustos». Desta maneira se recolle no fondo documental sonoro do Consello da Cultura Galega o tema Teño un home que lle quero, recollido por Xosé Lois Foxo de Blandina González Rodríguez de Cotarós. Tamén se pode gozar, con partitura incluída, da canción Unha noite no muíño. A letra foi recollida das cantoras da residencia de Trives: «Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira, eso si que é fuliada. Manzaneda é boa vila. Dá de beber a quen pasa. Gardan do viño dos Eiros. E dan do da Portal Falsa». Estas pezas pertencen ó Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, que compila máis de cento oitenta destas pezas musicais, transcritas e editadas, acompañadas dos seus orixinais en audio.