 
	
											As Festas de Verán regresan cun programa variado para todos os gustos e idades
01 ago 2025 . Actualizado a las 16:32 h.As Festas de Verán da Rúa arrancan cun programa pensado para aproveitar ao máximo o mes de agosto, cando a vila se enche de xente que regresa ou vén de visita. A celebración prescinde de elementos relixiosos: non hai santo que venerar nin procesións, pero sobra música, animación e ganas de festa.
O programa musical comeza hoxe coa Charanga Bicoia, a orquestra Kubo e o grupo La Banda de Ayer. Mañá será un dos pratos fortes, cun pasacalles de Abertal, a impoñente orquestra La Misión —cun escenario de máis de 55 metros— e unha discomóbil con dous DJs, ademais da actuación especial de Miguel Ángel Julián, cantante de Soul Teller que leva 35 anos adicándose á música. «É un músico profesional. Formouse en Estados Unidos e mesturará a súa faceta de DJ e cantante durante a actuación», explica o concelleiro de Cultura, Vicente Solarat.
A festa continúa o sábado coa charanga A Fuego, a orquestra Cinema e a mítica América de Vigo. O domingo, a praza do Concello converterase en escenario teatral co Centro Dramático Galego e a súa obra Punto en boca: entre fíos anda o lío, ofrecendo unha alternativa cultural no concello. «Esta iniciativa forma parte dunha programación que aposta pola cultura como elemento dinamizador da vila», apunta Solarat. O colofón chegará o 7 de agosto coa Feira do Ano en Fontei. Trátase dunha edición especial da feira mensual que, coincidindo co pico do verán, reúne a máis xente ca nunca. O grupo La Última Legión porá a nota musical a unha xornada que pecha por todo o alto estas festas populares que fan da Rúa un lugar especial.
Voltan as barracas
Este ano destaca o regreso das barracas, ausentes na edición pasada por desavinzas relacionadas co traslado da festa ao Aguillón —onde debían asumir o custo dun xerador— e pola oposición política. Agora, as atraccións volverán instalarse todas xuntas, no campo de fútbol, que funcionará como un auténtico parque de atraccións. A medida foi especialmente ben acollida polas familias, xa que permitirá que os máis pequenos volvan gozar do seu pasatempo favorito.