Un viaxe ó pasado romano entre viño e música

Miguel R. Villar OURENSE

A RÚA

F.U.

Do 8 ao 10 de agosto, A Rúa revive as súas raíces cuncha feira cultural e gastronómica

02 ago 2025 . Actualizado a las 18:55 h.

A Rúa prepárase para acoller unha nova edición da BacoFesta, unha celebración que mestura tradición, historia e gastronomía coa ambición de consolidarse como un evento de referencia no calendario festivo galego. A cita, que terá lugar do 8 ao 10 de agosto, pon en valor o pasado romano do municipio e a súa riqueza vitivinícola, cunha programación que inclúe postos de artesanía e comida, concertos, recreacións históricas e moito viño.

A ponte romana da Cigarrosa será, un ano máis, o escenario elixido para dar comezo á festa, nun acto simbólico que conecta o presente co esplendor do pasado romano da vila. A través de referencias históricas como a Vía Nova ou a figura de Lucio Pompeio Reburro, soldado valdeorrés da garda pretoriana, o BacoFesta recupera a memoria dun tempo no que A Rúa foi lugar de paso e asentamento romano.

A programación musical tamén promete animar as noites rueiras. O 8 de agosto actuará o grupo No All Kansas, cun repertorio que revive os éxitos máis emblemáticos das décadas dos 70, 80 e 90. O día 9, será a quenda dos Smoking Stones, banda tributo aos Rolling Stones chegada desde Barcelona, que xa percorreu o país facendo as delicias dos fans do rock clásico. E como broche final, o 10 de agosto, a festa pechará coa Noite Guigurra e un espectáculo de maxia e malabares para os máis pequenos.

O viño como protagonista

A festa inclúe a participación de ata 12 adegas da contorna, que ofrecerán os seus viños aos visitantes. Os organizadores destacan o impacto positivo que o evento ten tanto no sector hostaleiro como na proxección cultural da zona. «Tendo en conta a afluencia doutros anos, acoden sobre 5.000 ou 6.000 persoas. Sabémolo polas copas que se venden», sinala o concelleiro de Cultura, Vicente Solarat, quen asegura que a cita vai collendo forza ano tras ano.

Con todo, Solarat recoñece que aínda hai camiño por andar para acadar maior visibilidade: «Estanse levando poucas accións para dar a coñecer a BacoFesta. Isto é recente, estase intentando consolidar. A nosa intención é que chegue a ser de interese turístico galego», afirma.

Nesta liña, o concelleiro tamén anima á veciñanza e aos visitantes a implicarse activamente na recreación da época: «Queremos que a xente participe na vestimenta, acudir disfrazados de romano ou castexo e montar campamento. Pero bueno, eso é a medio plazo».

O viño, como fío condutor da celebración, estará presente en catas comentadas, maridaxes gastronómicas e espazos de encontro entre viticultores e público. A copa oficial do evento converterase un ano máis no símbolo desta experiencia compartida, coa que os visitantes poderán degustar diferentes variedades, coñecer novas colleitas e apreciar o traballo das pequenas adegas da zona, moitas delas de carácter familiar.

Ademais, a denominación de orixe Valdeorras conta cun patrimonio vinícola de grande calidade, onde os viños godello e a mencía brillan con luz propia. «O único que se despacha durante a celebración é o viño de Valdeorras. Si as adegas queren participar teñen que apuntarse», afirma Solarat.

Unha longa xornada na que o ambiente na vila énchese de vida, coa participación activa de todos os que pasean entre os postos, degustan produtos locais e gozan das actuacións ao aire libre.

Con viño, cultura e historia como ingredientes principais, a BacoFesta busca converterse nun evento que celebre con orgullo o pasado romano da vila e a calidade dos produtos da terra. A semente xa está botada, e todo apunta a que continuará medrando nos vindeiros anos.