Celebración da Virxe do Carme na Veiga

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN LALÍN

A VEIGA

Daniel González Alén

A parroquia lalinense está repleta de mostras da arquitectura popular

11 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Veiga, unha das parroquias máis pequenas en superficie e habitantes do municipio de Lalín, celebrou a pasada fin de semana, a festa da Virxe do Carme con actos relixiosos e unha comida veciñal para a que se xuntaron mais de trescentos comensais, os mais deles parentes e amigos dos escasamente cen residentes nesta nova parroquia creada no ano 1893, cos lugares de A Ponte, A Veiga e O Santón, pertencentes ata entón a de Goiás e o de Carballeda a de Moimenta.

A celebración comezou cunha misa solemne a cargo do párroco Xosé Ramón Pena e a continuación a procesión ata o cruceiro, co acompañamento da charanga Unión Phenosa. A mesma agrupación musical dou un concerto na sesión vermú, antes do xantar veciñal. As carpas instaladas no campo onda o centro social, serviron para protexerse da tronada, que non impediu os xogos infantís programados e a que logo da cea, os asistentes bailaran ao compás da charanga.

Non é esta a festa máis importarte da parroquia senón a do patrón San Ramón, que ten grande romaría campestre en agosto, arredor da súa igrexa neoclásica no século XIX, da que xa temos tratado en ocasións anteriores, ao igual ca do cruceiro procesional, que con ela constitúe un fermoso conxunto, cunha carballeira próxima que da sombra a contorna do centro social da parroquia, onde se celebran as festas campestres nas que campa a unión veciñal que fomenta a Asociación A Carqueixa da Veiga, sempre presente coas súas carrozas na Feira do Cocido de Lalín.

Arquitectura popular

Conta o historiador e amigo Xosé Ramón López Fernández, nativo destas terras, que a maiores da igrexa xa citada, na parroquia da Veiga consérvanse varios elementos da arquitectura relixiosa de certo interese: o cruceiro procesional, un singular peto de ánimas e o friso policromado da casa de Xacobe. Os desta casa de Xacobe eran Otero de apelido nos séculos XVIII e XIX, e tíñanse polos máis ricos da parroquia, nela houbo cregos cura e dise que foron os promotores da ampliación da capela do San Ramón para convertela en igrexa parroquial.

Un deles, Xosé Otero, pai do Xacobe que dá nome actualmente á casa, home moi devoto e canteiro de profesión, emprendeu co apoio económico e a inspiración dos seus irmáns e veciños, varias obras a mediados do século XIX entre as que destaca o cruceiro procesional datado no ano 1855; o peto de ánimas, cunha basta cruz de granito, retablo co símbolo dun viril e caixón para es esmolas que preside unha encrucillada, e un friso coa imaxe da Virxe cun anxo a cada lado, feita ex profeso para adornar a súa casa, para a que tamén fixo unha erguida cheminea con remate barroco e unha eira lousada con hórreo de tres claros.

Na parroquia lalinense tamén se poden ollar outras mostras da arquitectura popular, feitas coa pedra que abonda nas próximas canteiras de Alperiz e Cadrón, que se converteron en construcións señoriais e campesiñas de entre as que destaca a que fora dos señores de Cabanelas, sita no lugar de Carballeda, que está datada no século XVIII segundo figura nunha inscrición, cunha solaina de artística balaustrada, hórreo de catro claros e grande pombal. Na citada parroquia hai varios hórreos de catro e tres claros en eiras lousadas, algúns con artísticos remates e varios muíños que aínda se poden botar a andar.

Para rematar polo de agora, facemos mención ao pequeno castro local, no que se atopou no seu momento un muíño de man circular, do que parte del, pode ollarse no poste da cancela dunha casa en Ponte; un sepulcro antropomorfo onda unha cabana de pastores, nun prado a pé do monte da Regueiriña en Carballeda e un petróglifo composto por media ducia de cazoletas no camiño que leva a el.