Como estás?

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

AVIÓN

23 may 2020 . Actualizado a las 10:57 h.

Creo que nunca unha pregunta tan sinxela me pareceu tan difícil de contestar. Salvo que se use a sempre marabillosa resposta galega de «depende». Porque estou ben, razoablemente ben se apelo a iso de que non teño a ningún enfermo entre a xente que me importa e eu mesma estou sa; pero tamén estou mal, porque boto de menos ver aos meus. E estou angustiada porque isto non dá pasado. E estou anoxada cando vexo xente se salta as normas demasiado. A picaresca sempre existiu, pero hai quen quere facer dela oficio (que iso sempre pasou tamén), pero agora moléstame máis ca nunca. E tamén estou esperanzada, soñando coa idea de que nos abran esas imaxinarias portas interprovinciais que agora están pechadas, e polas que me permiten ir dar un paseo por Avión ou por Bande pero non me deixan ir á casa da miña nai. E estou contenta, porque imos dando pasos cara adiante. E estou ansiosa, porque os damos pero imos moi lentos para o que me gustaría; aínda que outras veces estou conforme, se penso que aquí ao lado, en León, aínda están en fase 0,5 mentres a min xa me parece estar notando o arrecendo da fase 2. E estou angustiada cando penso nos que están na uci, e entón estou temerosa ante a idea de que alguén que quero acabe aí. E estou esperanzada, porque son das que confía no noso sistema sanitario. Noso porque o pagamos todos, non é unha esmola como algúns políticos queren vendernos cando hai investimentos, xa sexan en persoal ou en infraestruturas. E estou nerviosa por se finalmente nos deixan movernos pronto. ¿Que como estou? Pois como che viña dicindo, «depende».