A cinta, dirixida por Samuel M. Delgado e Helena Girón, grávarase en Bande, Entrimo, Avión e Tenerife
09 may 2019 . Actualizado a las 19:30 h.No pobo de Xordos (Bande) comezou a rodaxe dunha nova longametraxe galega, que conta co apoio de Agadic e a Deputación de Ourense. Producida por Filmika Galaika e dirixida por Samuel M. Delgado e Helena Girón, a cinta gravarase en escenarios de Ourense -Bande, Entrimo e Avión- e Tenerife.
Eles transportan a morte é un proxecto que indaga na historia de Cristóbal Colón e no descubrimento de América para, a partir deste feito, desenvolver unha ficción mitificada na que se reflexiona sobre os efectos da colonización e da sabedoría precolonial, co que busca achegarse a un público cinéfilo con inquietudes culturais, sociais, antropolóxicas e políticas. Segundo se avanzou onte por parte de Agadic, a trama «se sitúa no século XV, cando na tripulación da expedición capitaneada por Colón viaxan tres homes (Bartolomé, Telmo e Xoán), que se enrolan nesa singradura incerta como permuta á execución da súa pena de morte. Xa embarcados, rouban a vela da carabela Santa María e foxen con ela nunha travesía errante xunto a tres mulleres: a sibila, a curandeira e a bruxa».
A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, participa no proxecto cunha achega de 260.000 euros e a Deputación tamén colabora na iniciativa. O director de Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente provincial, José Manuel Baltar, visitaron Xordos para coñecer sobre o terreo o traballo que se está a desenvolver. Os directores da película e a produtora executiva, Beli Martínez, foron os encargados de amosar aos representantes institucionais o traballo que se está a desenvolver.
Catro proxectos nun ano
Pola súa banda José Manuel Baltar salientou o feito de que a provincia será escenario de catro rodaxes nun mesmo ano:
Elisa e Marcela
(Isabel Coixet),
O que arde
(Oliver Laxe),
Eles transportan a morte
(Delgado e Girón) e, proximamente,
Olvido e León
(Xavier Bermúdez).