Viva Mejuto... Y viva la música y siga

La Voz

BANDE

05 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é sinxelo escribir estas verbas cando aínda a tristura da despedida invade a nosa alma, e moito menos cando o corazón latexa emocionado por como o noso pobo, o pobo de Bandeira recordou ó noso pai, Mejuto.

Sempre soubemos como fillas que Mejuto quería ao seu pobo, e non foron poucas as ocasións nas cales puidemos comprobar que ese cariño era de dobre volta. A Bandeira tamén quería a Mejuto. Músico da Banda da cal foi fundador, tocou ata os seu últimos folgos na Banda de veteranos; formou parte do coro Vales Mahía; fixo teatro no grupo Teatro Medias Verdes e ata foi un extra recoñecible na película “Lobos de Arga”, da cal a el lle gustaba contar que o propio Manquiña o felicitou pola súa breve pero apaixonada interpretación. Mejuto era así, intenso. Todo o vivía ao grande, sempre estaba cando o precisaban, e sempre o vivía como se sen el non se puidera facer. Non era así, ninguén, nin el, é imprescindible, pero hai que recoñecer que con el era todo diferente.

Ao noso pai gustáballe a vida cultural, pero o que realmente lle chamaba era a festa, sempre o primeiro para facer de cociñeiro nun xantar veciñal, nunha sardiñada ou nos magostos de Vista Alegre ou do colexio ou para montar nun intre unha charanga cos máis novos para celebrar o entroido da Bandeira, ou mesmo ir a tocar aos de Laza. Formar parte da festa era a súa maneira de devolver o cariño que recibía dos seus veciños.

Xa no entroido deste ano puidemos ver o que o querían na Bandeira. Mejuto xa fora moito a menos, pero aínda así os xenerais entoaron os seus «vivas!» para levantarlle un sorriso de emoción, e mesmo os rapaces mais novos, tamén alentados seguramente polo que lle contaran seus pais na casa, entoaron igualmente outros «Viva Mejuto». Foi sen sabelo a súa despedida do entroido.

Onte despediuse como el quería, vestido co traxe da súa querida Banda de Bandeira e ao son das notas dos seus compañeiros , porque a pesares de levar xa anos retirado, el nunca deixou de sentirse parte da Banda, era a súa Banda. Nunca poderemos agradecer a toda a Bandeira a despedida ó noso pai e nunca poderemos devolver tanto cariño e afecto, pero tentarémolo facendo como el querería que fixeramos, seguindo a formar parte da festa, porque para Mejuto sempre «que viva la música y siga». Grazas.

Loli, Chelo, Matilde, Coro e Cachy, as fillas de Mejuto.