Unha poxa polas empanadas máis saborosas que alcanza cifras astronómicas

naiara gonzález / D. C. LALÍN / LA VOZ

BANDE

Adrián Freiría

María José, cuxa elaboración chegou aos 1.350 euros, conta as claves do éxito

23 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai unha cousa que non pode faltar na mesa de calquera festividade galega, esa é a empanada. Un elemento representativo da nosa cultura e que se exalta cada ano na Festa da Empanada de A Bandeira, xunto co seu emblemático concurso. A cita gastronómica silledense, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, busca a mellor empanada do país, cun xurado composto de profesionais da que desempeñan a labor de valora as decenas de creacións presentadas cada ano. Destas, as que máis éxito teñen son levadas posteriormente a unha poxa entre os presentes.

Non hai escusa para todo aquel que queira brillar coa súa empanada, xa que, ademais de non requirir inscrición previa, permite a participación de todo tipo de público. Así, o certame divídese nas categorías de profesional, pensada para a participación de panaderías e restaurantes; amateur, para aqueles particulares amantes da cociña; e infantil, dirixida a cativos de entre seis e doce anos. O momento de descubrir quén da máis polas súas candidatas preferidas é dirixida por Pepe Ayude, e chegouse a alcanzar a desmesurada cifra de 2.400 euros por empanada. Cada ano, esta cantidade recadada destínase a fins culturais e sen ánimo de lucro.

Anteriores

vitorias

Fai dous anos, no concurso da empanada de 2023, unha das elixida foi a de María José Gómez, entre outras 40 que se presentaron ao certame. Cunha masa composta de millo e trigo de centeo e cun recheo de mexillóns, esta empanada alcanzou o prezo máis elevado na poxa, con 1.350 euros. Todo un éxito para María José, que se presentaba este ano por primeira vez a este certame gastronómico. A pesar de levar toda a vida facendo empanadas na casa, a gañadora nunca tivera a oportunidade de presentarse a este concurso, por falta de tempo.

Esta situación cambiou hai dous anos, cando as súas fillas a animaron a presentar unha desas empanadas de millo que tanto lles gustaban cando llas facía na casa. Foi entón cando María José, coa axenda máis libre, animouse e pensou, «pois este ano si que a presento», e así foi.

O segredo

Non se establece ningún requisito para as receitas, brindando liberdade absoluta aos concursantes arriscar e innovar cos ingredientes das súas propostas. No caso de María José, a elixida foi a masa con mestura de diferentes cereais, xunto co recheo de mexillóns, unha das súas especialidades, xunto ca de xoubas. Non obstante, recalca que «A empanada é moi particular de cada un». Deste xeito, achega que non se pecha a ningún sabor, e que na súa casa tampouco poden faltar aquelas versións máis tradicionais como a de bonito, carne ou bacallau.

A pesares do que se poida pensar, María José non conta con ningún segredo nin preparación especial á hora de poñerse mans á obra. Non obstante, considera que as chaves para facer unha empanada exemplar son contar cunha boa masa, un recheo contundente, e, no seu caso, engadir sempre coa cebola para evitar que o bocado resulte seco.

Para gustos, empanadas

Trátase dunha elección moi persoal, e non sempre é sinxelo convencer ao xurado. Son comúns os debates entre se é mellor a masa fina ou máis grosa, se está máis saborosa con ou sen cebola, e moitos outras cuestións como a incorporación do pemento, indica María José.

Non obstante, esta xornada ofrece un divertido programa na que moitas veces o importante se volve colaborar e aportar á festa cada edición, lonxe de calquera premio que se poida conseguir.