O Arousa recibe a un anovado Barbadás e Céltiga e Cambados visitan a rivais da zona baixa
BARBADÁS
O conxunto vilagarcián de División Honor Juvenil vence o Roces (2-1)
05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A quinta xornada da Liga de Tercera RFEF depáralles aos tres representantes do Salnés boas oportunidades para reivindicar o que pretenden acabar sendo ao termo da temporada. No caso do Arousa, o título de campión que tanto leva ansiando.
Ás 18.30 horas o conxunto que dirixe Gonza pecha a xornada recibindo na Lomba o Barbadás. Un rival este que vén de experimentar este verán un notable cambio no seu vestiario, coa incorporación de numerosos futbolistas mozos que lle están a imprimir ao conxunto ourensán un carácter completamente distinto ao habitual nos últimos anos.
Oitavo na clasificación cun triunfo, dous empates e unha derrota, o Barbadás, di Gonza, é hoxe «un equipo con mucha energía, incómodo sin balón para sus rivales por esa vitalidad que le imprimen sus jugadores jóvenes; y tienen una baza muy importante a balón parado».
Fronte a isto, o técnico do conxunto vilagarcián pídelles aos seus pupilos que lle dean continuidade ao bo fútbol que levan amosando desde a pretemporada e que lle outorgou 8 dos 12 puntos en xogo ata hoxe, co mellor rexistro goleador, empatado a 8 tantos co líder, Compos, e co Céltiga. Mario e Álex son as baixas nas filas arlequinadas.
Duodécimo con 4 puntos, o Céltiga persegue desde as 17.30 horas comezar a marcar diferenzas e apuntar á zona media da clasificación a costa dun CD Barco con 3 puntos, os que lle arrebatou a semana pasada ao Juventud Cambados cun 0-1. Os de Luis Carro buscan puntuar por primeira vez fóra de casa, tras caer 2-1 na do Montañeros e do Estradense.
Pola súa banda, o Cambados, con 2 puntos, mídese, tamén desde as 17.30 horas, a un Boiro con 4 puntos. Os de Pénjamo, coa única baixa de Rodri, aspiran a materializar dunha vez en forma de vitoria a consistencia do seu fútbol.
Os de Perú derrotan o Roces (2-1)
Segunda comparecencia da temporada do Arousa no seu feudo e segunda vitoria dos pupilos de Perú no Manuel Jiménez. Dúas semanas despois de derrotar 1-0 a Gimnástica, onte vencían 2-1 o Deportivo Roces, non sen suar a camisola. Un córner botado por Yago no minuto 12 acabou en gol cun remate de cabeza de Yeray, materializando a superioridade local na primeira media hora de xogo. A perda do control do tempo do partido no último cuarto de hora previo ao descanso alfombrou o empate, obra de Sergio Lorenzo no 40 aproveitando un gran centro. Os trocos no descanso devolvéronlle a iniciativa ao Arousa e David subiu o 2-1 no 69 nunha boa acción de Juan Diego. O Roces só inquietou nos dez minutos finais.