Iria Morgade pola súa obra literaria e Rafael Otero polo seu ensaio recibiron este sábado o galardón
16 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A casa natal de Antón Losada Diéguez encheuse da mellor literatura actual co acto de entrega do premio que honra ao galeguista de Boborás. Na aldea de Moldes, Iria Morgade e Rafael Otero recibiron o galardón da edición 39 dun dos principais certames literarios da cultura galega, convocado polo Concellos de Boborás e do Carballiño. A alcaldesa Patricia Torres definiu o recoñecemento como «o maior orgullo cultural que temos aquí».
A banda municipal de Boborás encargouse de guiar aos asistentes ata a sede da Fundación Antón Losada Diéguez, a que foi a súa vivenda. A xornalista Lucía Rodríguez presentou un acto ao que acudiron representantes de todas as institucións galegas. Como concellos organizadores, asistiron a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e o alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega. Por parte da Deputación, asistiu o responsable da área de Cultura, Marcos Vázquez. E como representantes da Xunta, asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Patricia Torres abriu a cita lembrando o importante papel que tivo Antón Losada para a cultura e a historia de Galicia e a gran relevancia que ten que se siga conservando a súa memoria ata o día de hoxe. O premio é unha ferramenta fundamental para gardar a figura do intelectual. Por iso, quixo lembrar aos dous fundadores do certame, Argimiro Marnotes e Cándido Cabanelas. Torres dedicou unhas especiais palabras a Cabanelas, falecido hai un ano e que sempre levou con el o seu amor por Boborás.
O conselleiro José López foi quen entregou a continuación o premio a Rafael Otero. Este carballiñés gañou ca investigación «A Vera Cruz de Antonio Palacios», editada polo Centro de Estudos Carballiñeses. Recolle moitos anos de documentación e a sintetiza para valorizar a obra do arquitecto Antonio Palacios e que así chegue a un público amplo. Otero agradeceu o recoñecemento a unha obra que naceu de conversas co seu pai e os seus irmáns e que coincide ademais co 150 aniversario do arquitecto. Destacou tamén que unha publicación dunha entidade como o Instituto de Estudos Carballiñeses poda competir cas grandes editoriais galegas.
O deputado Marcos Vázquez deulle, pola súa parte, o galardón a Iria Morgade. A pontevedresa fíxose co Losada Diéguez co obra «Quen escribirá a miña historia?», da editorial Galaxia. Afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver. Morgade explicou que a súa intención era dar voz tanto ás vítimas da violencia franquista como aos verdugos, que quedaron escondidos detrás dun discurso do que en realidade foi unha guerra entre irmáns. Destaca tamén a importancia da figura dos desaparecidos. Aproveitou para denunciar que o maior campo de concentración que existe actualmente é Gaza, en Palestina.
José Lopez reivindicou a figura de Losada Diéguez e a labor dos organismo municipais como responsables de seguir espallando a cultura e a tradición por tódolos rincóns de Galicia. Adiantou que a Xunta e o Concello xa traballan para preparar o aniversario dos 40 anos do premio, que será na seguinte edición. A banda de Boborás pechou o acto tocando o Himno de Galicia tras a intervención do deputado Marcos López que lembrou as palabras de Losada Diéguez: «Os homes pasan e a terra queda».