![José Carrera está farto de ver como a fauna salvaxe estraga a súa colleita](https://img.lavdg.com/sc/0y8v7BRRUaUCrhux_wxoE2ISJ-g=/480x/2020/08/25/00121598375102494233373/Foto/OG26C4F1_1.jpg)
José Carrera di estar farto de ver como a fauna salvaxe acaba coa colleita
26 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.José Carrera vive en Saa, aldea de Carballeda de Avia, dende hai 34 anos. Nado en Riós, terra das castañas, tivo que emigrar a Suíza, onde coñeceu a que sería a súa esposa. Corría o ano 1986 cando volveron xuntos a Galicia e se asentaron na comarca do Ribeiro. Conta José que foi moito o que tivo que aprender, dende podar as viñas ata facer a «rodriga», que non é outra cousa que o arqueado das varas e o atado das cepas, en termos da zona. Para el foron, e son, máis de tres décadas de traballo e tradición vinícola.
Non foi así este ano, tempo aciago para Saa. Cun primeiro ataque do corzo ós viñedos, no mes de maio, e constantes desfeitas dos xabarís ó longo do verán, José sinala que os animais están a estragar todo o froito do seu esforzo: «Os xabarís son unha auténtica praga, unha invasión. A quen beneficia o xabaril? Se tal, ós cazadores. Nada máis. Esta é unha zona preciosa que hai uns anos eran todo viñas e fincas. Os xabarís petiscaban un chisco, é certo, pero agora devoran todo. Anteriormente puñamos cintas, espellos e espantallos, botabámoslle colonia ou suavizante, que é máis barato, e facía efecto. Agora nada. A fame é negra, e o animal ten fame».
José di estar desesperado ante unha situación que non sabe remendar. Aínda que puxo un pastor eléctrico a unha das súas fincas, a que estaba máis preto da casa, di non ter cartos para pechar o resto de leiras, un total de quince. Se estivesen xuntas, explica, podería pechalas, pero algunhas requiren de batería e cada pastor custa 230 euros, a maiores do tempo que supón colocalo. «E non é o diñeiro ó que choro, é ver esta desfeita», laia. Malia que en maio mandou un escrito á Consellaría de Medio Ambiente, despois do ataque do corzo, non obtivo resposta. «É desolador que os que teñen a responsabilidade non fagan nada. O xabaril non ten que comer, hai unha invasión tan grande que non teñen nin comida. Penso no señor Feijóo, que é da zona dos Peares, se non se fixará en que agora nas aldeas non podemos sementar nada, por esta praga. E que fago eu? A idea que che vén a cabeza é deixalo todo. E téñenme pasado probas na vida, pero eu nunca quero tirar a toalla, quero seguir loitando», asegura José. E iso vai facer.