![](https://img.lavdg.com/sc/4u9m_p1hxcVkkGyJsiK--BigXTY=/480x/2020/07/10/00121594392062425958638/Foto/OL11C10F1_2.jpg)
A celebración patronal de San Benito elimina a orquestra, por seguridade, pero contará cas tradicionais misa e procesión ó son da banda de Vilanova
11 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Cartelle será un dos primeiros concellos da comarca de Terra de Celanova en celebrar a súa festa patronal, se ben os veciños atoparan este ano un festexo atípico. O San Benito de Cartelle, unha festividade que se conmemora tanto en época invernal -o 21 de marzo, de xeito que este ano coincidiu co estado de alarma- coma en verán, hoxe mesmo. Porén, non será a habitual celebración prolongada ó longo de varias xornadas, e tampouco se pode falar de festa como tal ó non haber unha orquestra que alegre a noite cartellense. Hoxe as medidas de seguridade serán o prato principal.
«Este ano só imos ter a misa, a procesión do santo e un concerto da banda de Vilanova», conta Albino Madarnás, presidente da comisión de festas deste ano e, dada a situación, do que vén. A misa terá lugar na igrexa de Santa María de Cartelle ás once e media, cun aforo de noventa persoas.
Madarnás indica que na procesión tamén se gardará o metro e medio de separación, e a máscara será obrigatoria. Logo, a banda de Vilanova (repetindo nestas festas dende fai máis dunha década) dará un concerto para aqueles que queiran prolongar esta celebración, veciños da parroquia e de aldeas achegadas. Non hai que esquecer levar a máscara e levantar o ánimo, pois apoiar estas pequenos festexos significa que mellores cousas virán.
«Hai que funcionar e dar vida, pero con precaución»
En Cartelle rexistrouse un dos primeiros casos de covid-19 da provincia. O seu alcalde, Jaime Sousa, conta que conseguiron manter a raia o virus grazas ás medidas de prevención. Esas medidas, di, mantéñense: «Nós estamos de acordo en que hai que funcionar e hai que dar vida, pero con moita precaución e recomendando evitar as masificacións. Con sentidiño».
Ó mesmo acontece coa piscina de Cartelle, preparada e lista para abrir, aínda que a alcaldía non se decide a facelo por agora. «Se na procesión e na igrexa se gardan as medidas establecidas polo párroco, as que xa se empregan ó limitar aforo nos funerais, pois pola nosa parte estanse tomando as medidas. A xente aquí está concienciada de hai que facer o imprescindible, nada máis», resume Sousa sobre esta xornada.