«Preparar a palla é escravo»

xiana fole garza / r. n. p.

CASTRO CALDELAS

Agostiño Iglesias

Daniel González é dos poucos habitantes de Castro Caldelas que garda consigo a técnica tradicional de elaborar os fachós, os mollos de palla que se transportan en procesión polo pobo antes de ser queimados

13 ene 2021 . Actualizado a las 17:55 h.

Se a pandemia non estivera polo medio, Daniel González Pérez (Castro Caldelas, 1943) estaría estes días a pleno rendemento para ter todo listo para a festa dos fachós. Como cada 19 de xaneiro dende que ten memoria, participa nesta celebración non só como integrante da procesión, senón coma un dos poucos habitantes do pobo que sabe como preparar a palla, requisito esencial para sacar adiante unha tradición que este ano terá que facer un obrigado paréntese.

Os fachós son moreas de palla superpostas de maneira cilíndrica, amarradas entre elas cun atillo da mesma cana seca. A tradición caldelá de comezos de ano xira en torno destas elaboracións que se pasean polas rúas do pobo ó luscofusco, antes de fundirse coa fogueira e arder, nunha festa de culto ó lume. «Sempre se fixo, leva toda a vida facéndose. Eu axudei sempre dende que era neno; de rapaces faciámolo todos», lembra Daniel. Pois el, oriúndo de Cambicia (Castro Caldelas) e labrego de oficio, sempre soubo como segar e tratar a palla, o que o liga aínda máis a esta tradición artesá. Algo que, recoñece, estase a perder coas novas xeracións. Maila que a Festa dos Fachós non deixa de medrar en popularidade -atraendo cada ano a centos de persoas a esta localidade ourensá- precísase de xente que saiba como manipular o material, a palla, para que a tradición non esvaeza. «Antes segábase coa fouce, e ó encher os brazos de palla era cando se ataba o montón. E detrás dun, outro. Agora, en verán mállase, pásase pola máquina, métese na nave e queda aí ata xaneiro. Os fachós fanse na mesma semana das festas, pero hai que deixar todo listo», explica Daniel, arrexuntando un montón de palla baixo o sol de media mañá. Actualmente é o Concello de Castro Caldelas o que se encarga de sementar o centeo cada catro anos e de segalo e mallalo, coa guía dos que saben. Chámano a el, di, porque aínda que está xubilado, precisan da súa axuda: «Ós mozos fálaselle disto e non queren saber nada, porque é traballo. Ten que ser ca calor e é escravo. Unha persoa pode facer cinco ou seis tractores de mollos por día». A tradición vén de lonxe, aínda que a súa orixe é incerta. O que está claro é a implicación da xeración de Daniel nesta festividade.

«Sempre se fixo, leva toda a vida facéndose. Eu axudei sempre dende que era neno; de rapaces faciámolo todos»

Cada 19 de xaneiro repítese o mesmo esquema. A procesión vai precedida polo San Sebastián de palla e polo fachón grande, de varios metros de lonxitude, e seguida polo resto de fachós. O percorrido iníciase na igrexa dos Remedios, dando a volta polo castelo de Castro Caldelas e rematando no propio agro da igrexa, onde se culmina o culto ó lume queimando tódolos fachós. A maxia das fogueiras vén sempre acompañada de música e baile, viño e chourizo. «A festa para min é moi importante. O ano pasado calcularon unhas 3.000 persoas, que son moitas é dan vida á aldea. Despachan viño, traen unha charanga ou dúas, a xente baila...», resalta Daniel.

Pero ademais desa noite de lapas e cinzas, hai que valorar o traballo que hai detrás. «A xente vai á procesión e ve ós fachós feitos, pero debería ver como se fan», conclúe este artesán con nostalxia.