Por fin corríxese o erro dunha mala distribución de parroquias na Baixa Limia. Tres novos sacerdotes chegan a estas terras. Don Xacobo para Entrimo, don Segundo para as parroquias da ribeira do encoro das Conchas e don Florentino para Muiños. Non é ningún previlexio, é unha obriga: cada un deles rexentará sete ou oito parroquias. Son moitas, pero, para os tempos que corren, pódese facer unha boa organización pastoral. Os sacerdotes chegan cas mellores ilusións. As xentes da Baixa Limia sempre foron garimosas á hora de acoller, acompañar e ilusionar ós seus pastores. A Igrexa diocesana pídelles, tanto ós cregos coma ós feligreses, que saiban estar. Eles esforzaranse en facer as veces do noso Señor, predicando e catequizando, administrando os sacramentos e guiando ó Pobo de Deus na Baixa Limia. Ós feligreses pídeselles que non confundan o que a eles lles gusta co que é xusto e necesario eclesialmente falando. A Baixa Limia é terra pouco expresiva na relixiosidade, pero fondamente enraizada na fe. A devoción ós santos patróns, o amor á Virxe expresado en tantos santuarios, o aprezo á Eucaristía e a devoción ó Sagrado Corazón de Xesús, dannos a idea de que se trata de xentes cristáns, que non se venden ó mellor postor.