Desde o Grupo Micolóxico Galego advirten de que ademáis de no outono e na primavera, na época estival tamén existen fungos con apariencia diferente á habitual
26 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Unha vintena de investigadores e divulgadores do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire visitaron a pasada fin de semana a localidade de Entrimo, procedentes das catro provincias galegas e do Norte de Portugal, para constatar a presenza dos escasos cogomelos clásicos da época estival. Aínda que as estacións con maior presenza de cogomelos no monte son o outono e a primavera, desde o grupo lembran que hai cogomelos silvestres todo o ano nos montes. Para a súa aparición precisan temperaturas suaves e humidade. No verán o exceso de calor pode mudar a cor e o aspecto físico habitual de moitos exemplares e tamén é frecuente que estean atacados por vermes e outros fungos.
Participaron entre outros, o presidente do colectivo, Óscar Requejo, e a presidenta de honra, Marisa Castro, para analizar a riqueza micolóxica en diversos hábitats da localidade da Baixa Limia como zonas de carballeiras, piñeiros, bidos... Fixeron un percorrido polas beiras do río Pacín, trala visita de carácter cultural ao Centro de Interpretación do Xurés, que acolle a exposición permanente de cestería de Toño do Val. O grupo visitou o ano pasado Muíños e no 2022, Celanova, dentro do compromiso de percorrer todas as bisbarras de Galicia. As especies atopadas pasan a formar parte dos seus estudos, que son publicados en libros ou en diversas revistas científicas, entre elas a propia, que se denomina Mykes. Entre os participantes estaban Floro Andrés e Óscar Requejo, autores dun traballo que verá a luz en forma de libro en breve tempo sobre mixomicetos, e que recolleron algún exemplar de interese na incursión entrimeña.
Dende o Grupo Micolóxico Galego salientaron o bo estado da ruta realizada a nivel de limpeza e sinalización ao tempo que destacaron a aparición de distintas especies, moitas delas de árbore, algunhas comestibles e outras tóxicas de xéneros como Russula, Amanita ou Collybia. O verán ourensán ata o de agora non excesivamente cálido e con precipitacións incluso no mes de xullo, permite a aparición de cogomelos de diversas especies. Lembran, iso si, a necesidade dunha formación científica mínima para saír ao monte coa finalidade de comer cogomelos e destacan as variantes cada vez con máis seguidores, que non supoñen o consumo de especies, como é a identificación, a fotografía micolóxica e o exercicio físico.