Reyes Rodríguez, filóloga e investigadora: «Na Limia Baixa temos unha alta representación de mozos galegofalantes»
ENTRIMO
![Reyes Rodríguez, nunha rúa de Ourense.](https://img.lavdg.com/sc/FoGCRSSO4oPudY12IvXx1VLgHLI=/480x/2025/01/30/00121738273321819317894/Foto/OE31C6F7_224035.jpg)
A investigadora e filóloga presenta en Entrimo un estudo sociolingüístico da relación da xente nova co galego
31 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Reyes Rodríguez Rodríguez, filóloga e investigadora no Instituto de Lingua Galega da USC, presentará o vindeiro sábado (17.00, salón de plenos do Concello), no seu Entrimo natal o libro «A Limia Baixa. Onde o mundo se chama en galego».
—¿En que consiste o traballo?
—Fixen un estudo sociolingüístico da realidade social da xente nova e cales son os seus comportamentos respecto á lingua galega: cal é a situación actual da lingua e as actitudes desta mocidade cara o galego. Enquisei a unha gran parte (arredor dun 70 %) da xente nova da Limia Baixa para explicar o que acontece. Recentemente saíron datos de estatística que amosan que cada vez perdemos máis falantes, pero resulta que nesta área aínda temos unha representación alta de galegofalantes entre os novos.
—¿Que amosou o estudo?
—As entrevistas tiñan diferentes perspectivas. O seu panorama lingüístico é case ao 100 % galego. Na escola, a nivel escrita e oral, na casa e en boa parte das súas redes sociais. Me interesaba saber que acontece con estes rapaces, que falan galego todo o día, cando escriben un wasap ou unha comunicación en calquera das redes sociais. O galego ten unha alta representación nas súas vidas. Cando tiveron que usar as tecnoloxías na pandemia non parece que influíra negativamente. A maioría dos enquisados empregan a lingua galega en todos os rexistros e en todos os ámbito da vida da xente nova. As excepcións que atopei e que aos máis noviños lles costa menos cambiar de lingua cando están na cidade.
—¿A que atribúe que se manteña tanto o galego na zona?
—Hai particularidades e os galegofalantes están nun ambiente moi protexido. Non temos tanta inmigración e os pobos non chegan a ser vilas. Nesta zona, por estar lonxe de todo, non temos contacto diario co castelán; os mozos si o teñen a través dos medios e das redes, pero o galego segue a ter presenza. Outro factor favorable é que o profesorado aposta por falarlles en galego. O ambiente en xeral fai que o raro sexa falar castelán.
—¿Non ten que ver con que se manteña unha economía rural?
—Moitos pais saen traballar fóra. É certo que os que teñen o porcentaxe alto de galego son os que residen alí. Hai outras zonas rurais de Galicia con situación semellantes. Nas cidades hai moita más xente e circunstancias e hai un desleixo grande nalgunhas institucións.