Lume que vira a cinza

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

LAROUCO

Pedro Armestre

22 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa chove en Galicia. É chuvia miúda pero eficaz. A terra acouga, pois as pingas acalman os latexos das queimaduras, fan esmorecer as fumeiras e conseguen apagar, finalmente, as brasas. Acabará por agochar a borralla toda.

Esta poalla é tan curadora coma perigosa, pois chama ao esquecemento. Preséntanse os ceos cubertos, as brétemas, as noites vestidas de humidade fresca e celebramos a choiva como alivio á calor extrema do verán, á seca da terra, ás alertas de lume e desolación. Lembremos: só hai uns días que o lume devoraba Larouco, 30.000 hectáreas en apenas dez días. No conxunto deste verán arderon preto de 98.000 hectáreas.

Non son números que poidan esfarelarse como cinza co primeiro ballón. Deixaremos de copar os telexornais, de ilustrar as portadas dos xornais... pero non deixemos arrefriar os sentimentos. Apagáronse os focos incendiarios. Os políticos deixarán de utilizalos coma arma. Pero nós, o pobo, non podemos inutilizar o corazón e a memoria, porque cada ferrado queimado é unha ferida: un solo que se erosiona, unha fonte que seca e vidas que perdemos. O esquecemento convértese noutro lume. Debemos responsabilizarnos dunha memoria activa. Xa choramos o pasado, agora debemos construír futuro: esixir prevención, coidar o monte, implicarnos no que é de todos.

Que chova, que cure, pero que non borre. As cicatrices son case eternas. Esta chuvia debe ser de pingas que caian para sementar.