
A Yoly envioume fotos de como se vía o ceo desde a súa casa. A luz era agrisada e alaranxada, e no fondo estaba o lume. E eu, ao outro lado do WhatsApp, e a pesar de estar a oitenta quilómetros dela, ao ver as fotos sentía o fume ao meu redor, ese desgraciado fume que todos os veráns acompaña á meirande parte da provincia de Ourense. Cerca de Manzaneda, cerca de Chandrexa, a Yoly leva toda a semana preocupada, pois o lume non dá tregua, e cando o perigo está aí unha non sabe moi ben como actuar, especialmente cando o mal é incontrolable e inexorable. Pregunteille polos gatos, as galiñas, os patos, a casa e eles. Por esa orde, pois é a orde das cousas na que falamos nós. E ela aseguroume que todo estaba ben, que o lume aínda estaba lonxe...
Sen dúbida, as condicións son as peores posibles: falta de choiva, temperaturas extremadamente altas durante demasiado tempo, e tamén vento, moito vento. E está claro que algúns incendios comezan de xeito accidental, pero no caso dos que comezan de xeito intencionado (que polo que parece son a maioría) é imposible non preguntarse que leva a alguén a querer facer tanto dano en tan pouco tempo. Cales son as circunstancias e a situación daquelas persoas que deciden arrasar con todo prendéndolle lume á vida?
Oxalá tivésemos a capacidade de frear o inicio desta grande catástrofe social e medioambiental que son os lumes de Ourense. Eses lumes que converten todo en cinzas en tan só un momento... Oxalá puidésemos volver atrás no tempo para parar de golpe esa faísca, ou a ese suxeito deplorable que inicia eses lumes que cada ano queiman montes, leiras, casas, e vidas. As vidas daqueles que axudan a mitigalo... Oxalá.