![Belén de Arturo Baltar](https://img.lavdg.com/sc/f7qSRfkEP5LlfIj8zLeAHr5TJFA=/480x/2024/12/27/00121735321322103645886/Foto/OD29C8F1_184048.jpg)
Iniciativas por toda a provincia manteñen o artesanal costume
30 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.As festas de Nadal chegan cada ano cuns sinais de identidade e uns costumes que forman parte das tradicións que se van transmitindo de xeración en xeración e nas comunidades cidadáns. Tempo de reencontros, de facer balance e de compartir amizade, mesa, inquedanzas e actividades. E xornadas para gozar dunha das iniciativas que conta cunha importante presenza na provincia de Ourense, como é a dos beléns. A oferta é tan ampla e singular como se queira: do impresionante de Arturo Baltar —como obra de arte que é— ao que creou coas súas mans Julio Dabarca e que se amosou nunha das igrexas da súa vila de Ribadavia, pasando pola valiosa colección que garda o Bispado de Ourense ou ás iniciativas que se reparten por vilas, aldeas e parroquias; do instalado polos veciños nos pendellos da antiga feira de Moldes (Boborás) ao do colectivo Casa Aberta de Maside. Estes son algúns deles.
Baltar ou o barro como arte
Ourense conta cun dos beléns máis senlleiros e singulares de todos cantos hai en Galicia. É de Arturo Baltar e está depositado, para goce e fachenda de todos os ourensáns, na capela que se atopa na praza de San Cosme. O desaparecido escultor foi creando, aos poucos, as figuras que representan o belén e o mesmo tivo varios emprazamentos antes de chegar ao seu actual destino. A representación da pasaxe bíblica, os oficios tradicionais e todo o conxunto monumental foi moldeado por Baltar coas súas mans. Pode verse todo o ano, aínda que é agora no Nadal cando se abre ao público a entrada polo capela.
O artesán e bíblico de Rubiá
![O belén artesán de Rubiá está no salón parroquial.](https://img.lavdg.com/sc/aFvEOj6WwsQozHrtr-MH9lbGLAw=/480x/2024/12/27/00121735325042673414840/Foto/O_20241225_174758000.jpg)
Mari Carmen Núñez leva máis de vinte anos dándolle forma ao belén de Rubiá, que xa ocupa máis de 50 metros cadrados no salón parroquial. Todas as figuras (máis de 600), edificacións e demais elementos que configuran a paisaxe están elaborados de maneira artesanal. Para a parte dos mecanismos que permiten dotar a escena de movemento bótalle unha man o seu cuñado. Presume Núñez de que se trata dun belén bíblico, no que é posible seguir o relato que aparece no libro sagrado, fuxindo de elementos que non se axusten ao que habería naquela época ou naqueles lugares. O belén conta cun sistema de luz que semella as diferentes fases do día. De fondo, as panxoliñas e o son da auga acaban de redondear a experiencia da visita. Núñez está sempre alí para quen queira preguntarlle calquera curiosidade ou saber máis do proceso de creación.
Casa Aberta de Maside
Hai dez anos que comezou o belén de A Casa Aberta de Maside e sempre foi medrando na súa temática e contidos, con María Jesús Nóvoa como referencia desta tradición. Neste 2024 mudou o seu lugar, e da antiga escola pasou a un local fronte a casa do Concello de Maside. A incorporación dos oficios e das feiras, xunto á igrexa da Veracruz, foron algunha das iniciativas desenvolvidas nos últimos anos.
Capela de San Ramón
![O belén de José María Campo na capela de San Ramón, en Parada de Sil.](https://img.lavdg.com/sc/0wWZadOWNQxkfpwvDIVSEI-D8Qo=/480x/2024/12/27/00121735325042005149205/Foto/OD29C8F5_194223.jpg)
O belén máis coñecido de Parada de Sil está na capela de San Ramón, situada moi preto da casa consistorial. Precisamente ao edificio municipal ten que ir (en horario de mañá, de luns a venres) aquel que queira visitar o nacemento que durante máis de vinte anos elaborou o finado José María Campo Herrero. Está composto por máis de 200 pezas realizadas en todo tipo de materiais, desde cartón ou envases de leite a plásticos, barro sen cocer, caixas de froita, metais ou tellas. Hai representadas escenas cotiás e oficios tradicionais, entre os que non faltan os barquilleiros. Tamén hai una reprodución do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.