Escolares do Barco fan unha sentada contra os actos vandálicos que estragaron o pórtico de Luísa Villalta

La Voz O BARCO

O BARCO DE VALDEORRAS

Os escolares protagonizaron unha sentada de repulsa aos actos vandálicos no pórtico Luísa Villalta.
Os escolares protagonizaron unha sentada de repulsa aos actos vandálicos no pórtico Luísa Villalta. CEDIDA

O BNG presentou un escrito no Concello buscando unha repulsa unánime polo acontecido

23 may 2024 . Actualizado a las 21:07 h.

O luns os rapaces dos colexios do Barco de Valdeorras e de Rubiá instalaron no Malecón barquense un pórtico na memoria de Luísa Villalta. Era a mostra do traballo que levaban semanas facendo cos equipos de dinamización da lingua e que non puideron exhibir co gallo do Día das Letras pola mala previsión meteorolóxica para o 17 de maio. Finalmente, o luns colocaron as pezas, que veciños e visitantes desfrutaron ata o mércores. Ese día pola mañá, o pórtico apareceu danado. Os vándalos aproveitaron a madrugada do día de santa Rita (festa local) para estragar o traballo dos rapaces.

O feito causou fondo pesar na comunidade educativa, que o xoves decidiu saír ás rúas para mostrar a repulsa ao acontecido. A forma elixida polos centros foi unha sentada no pórtico protagonizada polos propios rapaces. Despois de gardar un minuto de silencio, leuse un manifesto. «Neste acto non só hai unha mostra de violencia gratuíta contra as iniciativas culturais que xorden dos centros educativos da nosa localidade, hai tamén un desprezo polo traballo da nosa xuventude, pola nosa cultura e pola nosa lingua», denuncian. E quixeron facer unha reflexión sobre o vandalismo, que aínda que sexa habitual nas fins de semana, non debería deixar indiferente a ninguén: «Non queremos uns bárbaros na nosa vila».

O pórtico foi instalado o luns.
O pórtico foi instalado o luns.

O BNG quixo sumarse ao acto de repulsa e presentou un escrito no Concello para pedir unha condena pública destes actos. Ademais, reclama unha mostra de solidariedade coa comunidade educativa e que se poña en valor a resposta que os alumnos deron aos vándalos co acto de desagravio celebrado no Malecón.