Pais e nais de cativos piden ao Sergas unha solución
31 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As nais e pais de O Barco temos que volver a pór sobre a mesa a falta de cobertura das prazas de pediatría en Atención Primaria debido a mala situación na que nos atopamos. A día de hoxe seguimos sen pediatra e a situación é a seguinte: nunha consulta hai unha puericultora que está a tempo completo atendendo a moitos máis nenos dos que debería (cunha gran dedicación, paciencia e esforzo) e na outra hai dous puericultores que se turnan. Nesta segunda consulta, tres días á semana aténdese ós cativos soamente ata as 11, e a partir das 11 son derivados a súa compañeira polo que o seguimento do menor neste cupo é inexistente e hai menos citas dispoñibles para os nenos que necesiten ser atendidos. Xa que non contamos cun pediatra é necesario un reforzo, especialmente nesta época do ano na que medio país está enfermo. Se algún non está (como ocorreu estos días) a consulta convértese nun caos xa que a solución é derivar aos nenos directamente a Urxencias sen ningún tipo de triaxe. Estos pacientes non teñen acceso a unha valoración sanitaria en Atención Primaria con todo o que iso supón: consumo de recursos, saturación das urxencias hospitalarias implicación de persoal non correspondente, pérdida de tempo e riscos do neno; sen contar con que son dous niveis de asistencia diferentes.
Entendemos as dificultades para atopar pediatra, pero levamos un ano denunciando esta situación e non vemos ningún tipo de interese en solucionala. Sentímonos abandonados e ignorados polo SERGAS e pola Xunta xa que parece que non lles importa que en toda Valdeorras no haxa nin un só pediatra en primaria. A atención das nosas fillas e fillos non está garantizada e a preocupación dos pais e nais crece día a día. Os problemas non se solucionan sós, necesitamos que os responsables fagan o seu traballo e busquen urxentemente unha solución.Se non hai pediatras en España que queiran vir que os busquen fóra pero que a resposta as nosas peticións non sexa simplemente «non hai» ou que Valdeorras non é unha zona suficientemente atractiva. O que pedimos é que fagan algo xa, está en xogo a saúde dos nosos fillos e fillas. pais e nais de nenos en idade pediátrica. o barco de valdeorras.