Alberto Vázquez, exalcalde de O Bolo: «Na coalición hai entendemento e cumprimos»

María Cobas Vázquez
m. cobas O BARCO / LA VOZ

O BOLO

Alberto Vázquez, exalcalde de O Bolo.
Alberto Vázquez, exalcalde de O Bolo. LOLITA VÁZQUEZ

O socialista dimitiu para dar o relevo no cargo ao independente Miguel Ángel García

18 jun 2025 . Actualizado a las 20:08 h.

O socialista Alberto Vázquez presentou onte a súa dimisión como alcalde do Bolo. Era o día no que se facían dous anos da súa chegada ao cargo. Cumpría así o acordo pactado con Somos O Bolo despois das municipais. O PP perdeu a maioría absoluta e foi posible un cambio de siglas na alcaldía despois dunhas longas negociacións que non se pecharon ata a véspera do pleno e deron paso a un goberno bipartito. Estes días o independente Miguel Ángel García, que era o tenente de alcalde, queda como rexedor en funcións. O luns ás doce terá lugar a sesión na que recibirá o bastón de mando que o ratificará como o máximo representante do Concello.

—Seguirá como concelleiro?

—O noso pacto di que serei tenente de alcalde. E así o imos facer.

—Que balance fai deste tempo?

—Nós gobernamos para os veciños e ben. Son moitos os proxectos que fixemos e aquí quedan para desenrolar.

—Como foi a coalición con Somos O Bolo?

—Houbo entendemento e cumprimos o pacto.

—De que está máis orgulloso?

—Desenvolvemos moitos proxectos. Un dos máis importantes foi desatascar a obra da ponte de Barxa, que está en obras e antes de que finalice o ano poderemos cruzar o Xares pola nova infraestrutura. Foi dos logros máis relevantes, porque se trata dunha obra que estaba parada desde que rompeu en decembro do 2019.

—Que queda pendente de facer para estes dous anos ata as próximas eleccións municipais?

—Seguiremos con melloras en infraestruturas, que hai varias estradas que as precisan, e tamén co impulso do turismo. Estamos con varios proxectos. E tamén temos pendente desenvolver o plan de vivenda. Presentamos xa as bases e nestes dous anos terán que verse os froitos.

—Que se leva de ser alcalde?

—É unha experiencia nova, moi gratificante. E aí seguiremos, agora noutra faceta, non tan na primeira liña, pero estaremos apoiando ao novo alcalde como me apoiaron a min este tempo.