«A mostra das Xociviga lembra a figuras históricas»

O CARBALLIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O investigador creou unha exposición cunha selección de retratos realizados polo fotógrafo José Luis Abalo

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Enrique Acuña (Pontevedra, 1956) volve ás Xociviga e nesta edición participa con dous proxectos creados para o certame audiovisual: o traballo de investigación sobre a actriz Mercedes Mariño e a exposición titulada «Retratos documentados. Fotografías de José Luis Abalo». A mostra está formada por 58 imaxes vencelladas con persoeiros galegos e do mundo do cine. A exposición está no Auditorio do Carballiño. Desde as Xociviga editouse un catálogo, cunha tirada de cincocentos exemplares e un prezo de venda de 10 euros.

-Como nace esta iniciativa?

-É unha escolma do traballo realizado por José Luis Abalo na súa colaboración con Xan Leira. Os dous son fillos da emigración -Leira formouse como cineasta en Arxentina e Abalo como fotógrafo en Caracás- que se atopan en Galicia e deciden traballar xuntos. Dende o 2002 Leira promove traballos sobre grandes figuras ou feitos contemporáneos, de Castelao a Bóveda ou Granell, e ofrécelle a Abalo traballar documentando as rodaxes como fotógrafo.

-Como se realizou a selección de imaxes?

-A mostra está composta por cincuenta e oito imaxes e como criterio de selección decantámonos polas máis representativas e de maior calidade artística das que se realizaron ao longo deses anos de colaboración.

-Que orixinais se poden ver en «Retratos documentados»?

-Figuran imaxes de Fernández del Riego, Neira Vilas, Elixio Rodríguez, Díaz Pardo, Granell, Demetrio Bilbatúa, Avelino Pousa Antelo, Lois Tobío e Borobó, entre outros. A importancia dos personaxes ou a súa relación co cine foron aspectos aos que se lle deu prioridade. Practicamente xa morreron todos -Mariví Villaverde hai uns meses-. Quedan como testemuñas o cineasta Demetrio Bilbatúa, en México, e Paco Lores, en Arxentina.

-Por que elexiu a Elixio Rodríguez para a portada?

-Hai dous ourensáns, Bóveda e el, e Abalo considera que esa imaxe simboliza o conxunto da colección.