A Festa da Palabra reinvidicou a cultura galega e homenaxeou a Castelao

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

A Insua dos Poetas conta desde onte cunha nova escultura denominada «A porta de Castelao»

20 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Insua dos Poetas, en Madarnás (O Carballiño), acolleu este sábado unha nova edición da Festa da Palabra, dedicada a Alfonso Rodríguez Castelao no 75 aniversario do seu pasamento. Durante o evento, que alcanzou a décimo sétima edición, procedeuse ao desvelar a nova instalación feita polo escultor ourensán Antón Pulido. O artista homenaxeou ao protagonista da xornada coa peza A porta de Castelao, realizada a partir de ferro e pedra, que contou cunha moi boa acollida do público presente.

Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, aproveitou a ocasión para poñer en valor o legado cultural, político e social do homenaxeado, así como o seu vínculo coa provincia. Tosar recordou o importante apoio que recibiu no exilio por parte do colectivo de ourensáns emigrados. Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, estivo tamén no acto, e destacou «a gran demostración da riqueza cultural e lingüística galega que supón, cun valor engadido como é a contorna natural do espazo». A xornada incluíu un concerto do grupo Tres Pesos, ademais do tradicional xantar popular. Os asistentes puideron tamén comprar o libro Castelao escritor, recentemente publicado pola editorial Galaxia con textos de Eduardo Blanco Amor editados por Luis González Tosar e Alexandre G. Corbillón. Trátase dun volume que recolle ensaios e análises que exploran a obra de Castelao e o seu papel como defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, como caricaturista crítico ou como autor de textos sobre a emigración e o exilio.

Sete galardóns

Na xornada de onte tamén houbo tempo para a cerimonia de entrega dos galardóns nas súas diversas categorías. Na literaria, foi para o escritor César Lorenzo Gil, tamén coñecido como César Cequeliños. No apartado que recoñece o emprego da lingua galega nos medios, María Xosé Porteiro foi a distinguida como xornalista, política e escritora. En canto á defensa e impulso da cultura, o xurado outorgou este galardón á Editorial Galaxia. Na categoría de colectivo destacado por un esforzo de galeguización, premiouse á Irmandade Sanitaria Galega, e no apartado de defensa do medio ambiente o galardoado foi o CEIP Curros Enríquez, de Celanova.

No ámbito audiovisual, o premio enxalzou o traballo que fai o Cine Club Padre Feijóo de Ourense, e en lingua e cultura galega na emigración o galardoado foi Ramón Aguiño López.