Josefa Rodríguez, presidenta de Aspadisi: «Como ao meu fillo con discapacidade debemos tratalos a todos, por igual»

O CARBALLIÑO

A veciña do Carballiño loitou por unha vivenda para persoas discapacitadas
07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai máis de tres décadas que Josefa Rodríguez, natural de Boborás pero afincada no Carballiño, se propuxo unha meta na súa vida. Aínda que non foi ata o pasado ano cando ese soño se volveu unha realidade por completo: construir unha vivenda para persoas con discapacidade intelectual. As súas inquedanzas comezaron co seu fillo, ao darse conta de que non sabía que sería do seu futuro cando ela xa non estivera. «No ano 95 comezamos un grupo de pais que tiñamos o mesmo problema e íamos todos no mesmo barco, así que empezamos a pensar que facer cos nosos fillos», lembra Josefa. Foi así como naceu a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos da comarca do Carballiño, Aspadisi, da que ela mesma é a presidenta dende o 2003.
Aínda que co apoio doutras familias que se atopaban na mesma situación ca ela, foi a veciña do Carballiño quen liderou un proxecto que arrancou moi paseniño e sen apenas axudas. «Fixemos uns estatutos, preparamos todo o que necesitabamos e fomos petar a moitas portas, porque non tiñamos nin terreo, nin local nin cousa algunha», asegura. No ano 2000 todo o esforzo e empeño de Josefa comezaron a dar os seus froitos. O alcalde do Carballiño por aquel entón, Pachi Vázquez, cedeulle a Aspadisi un terreo para que puideran ter un espazo para construir a vivenda pola que tantos anos loitaron. E foi no 2006 cando se finalizaron as obras da primeira parte das instalacións. «Viñemos para aquí, a un anaquiño que fixemos e pouco a pouco fomos subindo, facendo por tramos as obras», comenta Josefa.
O que comezou cunhas pequenas instalacións e unha furgoneta, acolle agora a un total de 43 persoas que ela mesma supervisa todos os días: «Mentres poida seguirei levando as rendas. Sei que o que fago fágoo ben».
Unha pequena familia
A principal meta de Josefa Rodríguez con Aspadisi era facer da vivenda un pequeno fogar onde todas as persoas se sentiran parte dunha familia. Así é como o sinte ela e como se sinten os residentes. «Como ao meu fillo, cunha discapacidade e que está aquí, debemos tratalos a todos, porque son todos iguais», asegura rotundamente. Un motivo polo que se considera unha persoa moi afortunada é pola sorte que tivo con todos os traballadores que adican os seus días a mellorar a calidade de vida dos usuarios. «Son cariñosos, boísimos e axudan a integrarse aos que veñen novos. Iso é algo que a min me preocupa e dende logo é moi importante», afirma.
A integración dentro da familia que forman en Aspadisi é esencial para o desenvolvemento das súas habilidades sociais: «Para min é fundamental, porque cando chegan novos sempre lles custa, pero teñen un período de adaptación». Outro aspecto que Josefa considera vital no día a día dos residentes da asociación é a liberdade. «Primeiro saen cos traballadores do centro, e teño que dicir que son todos boísimos e se portan sempre moi ben. Pero despois vaslles dando un pouco de liberdade para saír dar un paseo ou ir tomar un café. Cando ves que volven á hora de cenar, vas confiando máis neles», explica.
En Aspadisi tamén fan obradoiros no centro de terapia ocupacional, dende costura e carpintería, ata clases para preparar oposicións. Pero o que máis destaca a presidenta da asociación é a axuda que se prestan entre eles. «É moi bonito velos, que se apoien uns a outros, que sexan felices no día a día. Non deixan de ser unha familia», asegura Josefa Rodríguez, por todo o conseguido.
«Con toda a miña ignorancia, aceptáronme e abríronme portas»
Josefa Rodríguez considérase unha muller moi afortunada por ter obtido tantas cousas ao longo da súa vida, a pesar de que o camiño non fora sempre sinxelo. «A miña familia sempre me apoiou, sempre me deu liberdade para facer isto, porque estiven moitas horas en Santiago e en todos os sitios para poder conseguilo», lembra a presidenta de Aspadisi. Adicou toda a súa vida a esta causa a pesar de non ter estudos e non gozar dunha formación que lle facilitase máis procesos nun momento complicado: «Tiven moi boa acollida e con toda a miña ignorancia, aceptáronme e abríronme moitas portas». Tras anos de peticións, de busca de axuda e apoios, Josefa Rodríguez sempre se di que «moitas veces non é o saber senón o querer».
Malia a súa idade, a presidenta de Aspadisi síntese con ganas de seguir á cabeza do proxecto para a vida de moitos. «Isto é o que me mantén o espírito, dame fortaleza para levantarme cada día e vivir aquí», asegura. Pero tamén é consciente de que chegará un punto no que non poderá seguir no cargo, polo que ten un obxectivo moi claro para o futuro da casa de Aspadisi. A súa loita agora é a de continuar cun relevo xeracional para que a vivenda siga o seu legado de familiaridade e coidados que ocupou o groso da súa vida.
Quen é. Josefa Rodríguez (Boborás, 1955) é a presidenta e fundadora de Aspadisi no Carballiño.
O seu rincón. A casa de Aspadisi é como o seu fogar, na que pasa todos os seus días e un lugar polo que loitou ao longo de moitos anos para conseguila.