«Miña irmá e máis eu fomos os primeiros que saímos da nosa aldea a estudar»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

Ferreiro traballou de carteiro, de tendeiro e de mecánico antes de ser profesor

21 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os dous son nenos de aldea. Os dous comezaron estudando Formación Profesional. E os dous forxaron na Escola Normal a súa vocación de mestres. No ano 1973 coincidiron nas aulas de Maxisterio despois de ricos periplos individuais. José Paz, como docente. Felipe Ferreiro, como alumno. 44 anos despois, van desenfiando detalles que os levan do sorriso á sorpresa e, no caso de Paz, á comprensión das razóns polas que ese flamante xubilado que hoxe senta ante el foi un alumno tan especial.

Porque a vida de Felipe Ferreiro (San Martiño de Cualedro, 1951) -a académica, a profesional e a vida, sen adxectivos- semella un almanaque cheo de fitos. Na unitaria da aldea aprendeu todo o que había que aprender ata os 14 anos. Con 13 substituíu a seu pai, emigrado a Alemaña, como carteiro e tras a barra da tenda-bar familiar. Foi unha gran escola.

Cando tiña 15 marchou a Ourense a preparar o exame de Ingreso. «Miña irmá e máis eu fomos os primeiros nenos que saímos da nosa aldea a estudar», apunta. Aquel desembarco foi o inicio do futuro e tamén unha cura de humildade: «Na escola eu ía ben pero, cando cheguei a Ourense, no primeiro ditado tiña 48 faltas!». Aos poucos meses aprobou con sobresaínte o Ingreso e o curso seguinte empezou Mestría Industrial en Madrid.

Nos veráns dos seus 17, 18 e 19 anos traballou en Alemaña para financiar os estudos en España. Simultaneou a FP co Bacharelato e o COU por libre e, cando cumpriu 22, regresou a Ourense para iniciar Maxisterio.

Na vella Escola Normal descubriu, en 1973, a José Paz como profesor de Pedagoxía. Aquel mestre que o cualificou cun 10 entende agora a prestancia, a madurez e o saber estar do Felipe mozo: «Notábaselle un nivel superior, e non só pola idade. Era pausado e equilibrado nas intervencións; destacaba por moitos detalles, aínda que todos eran estupendos rapaces. Daba gusto ensinar naquela época!».

Ferreiro foi un dos apoios de Paz na lonxeva aventura do cineclub Padre Feijoo, que xurdiu do pulo doutro profesor, Emilio Losada, no curso 70-71. Para o cine e para a docencia Paz séntese predeterminado: «Eu nacín na casa da escola da miña aldea, A Corna, e a mestra tíñame no colo nas clases, por iso creo que son un entusiasta dos libros. E despois, no Instituto Laboral de Lalín, o profesor de Electricidade pasábanos cine todas as semanas». Ese xermolo medrou vizoso na Normal: «Daquela había efervescencia de cine e os alumnos colaboraban moito». O cine, o idioma, a política… todo estaba nas aulas. Con naturalidade, coinciden mestre e alumno. «Paz daba as súas clases en galego aínda na Ditadura», lembra Ferreiro, mentres el matiza: «Con moito coidado!». Nos últimos anos de Franco, coa lei Villar Palasí, recibiu o encargo de dar clases de lingua galega. Os libros que o pedagogo usou naquela excepcional -por provisional e por sobranceira- experiencia son todo un símbolo: a Gramática elemental de Carvalho Calero; o Sempre en Galiza, de Castelao, e O acomodador, de Marcial Suárez.

«Non había choque -revive Felipe-, para nós era natural. De feito, unha razón para eu virme de Madrid foi a lingua, a cultura, Galicia… Para nós, como alumnos, dar Pedagoxía cos sistemas vangardistas de Paz, en galego, e nunha sociedade como a nosa… Foi algo importante. Con Paz oín falar de Freud, de Piaget, de Freinet, de Montessori, das dinámicas de grupo… Para min había un abismo entre el e o profesor clásico que se senta e dita. Del aprendín a non sentarme nunca nas clases, o trato próximo e humano, o dinamismo. As súas clases atraían porque sempre introducía novidades».

«Eu trataba de aplicar o modelo de mestre dos grandes educadores», interrompe Paz, que deseguido salienta a figura de Tagore, «un modelo de educador». «Para min tamén foi un descubrimento. E hoxe sígoo lendo porque foi un home inmenso», afirma Ferreiro.

«Para min había un abismo entre Paz e o profesor clásico que se senta e dita. Del aprendín o trato próximo e humano e o dinamismo»

«A Felipe Ferreiro notábaselle un nivel superior. Era pausado e equilibrado nas súas intervencións e destacaba por moitos detalles»

Os escuros intereses da educación e os novos quixotes

Felipe Ferreiro acumula licenciaturas -Maxisterio, Galego-portugués, Hispánicas, Dereito- e unha experiencia docente interrompida pola xestión como delegado da Xunta e director da Escola de Idiomas. Recoñece que sempre foi «de estudar bastante, sempre con boli e papel e sempre con música, aínda que a Música foi a materia que se me deu sempre peor!».

Como profesor de secundaria, ensaiou as clases sen exames e optou pola co-avaliación: «As miñas notas poñíanas entre eles os propios alumnos». O exceso de exames é unha das lacras que Paz -deudor de Risco, de Albendea e de Carmen López- advirte no ensino actual: «Hoxe os docentes son quixotes loitando contra muíños de vento. Vexo cada vez máis intereses escuros na educación. O exceso de exames, por exemplo, vai en contra da pedagoxía. Na Institución Libre de Enseñanza estaban prohibidos e de aí saíron seis premios Nobel».